Os Reis Magos realizarán un percorrido máxico por cada recuncho de Barreiros
Este domingo día 5 de xaneiro, o Concello de Barreiros recibirá a visita dos Reis Magos, que realizarán un completo percorrido por distintas localidades para achegar a súa maxia e ilusión á veciñanza. A súa chegada está prevista en diferentes puntos como Vilamar, Cabarcos, Gondán, Rilleira, San Xusto, Vilamarín Grande, Vilamarín Pequeno e Reinante, facendo parada en espazos destacados como locais sociais, escolas e teleclubes.
Pola tarde, os Reis Magos iniciarán o seu percorrido dende San Cosme, atravesando lugares emblemáticos como a Praza do Concello, as vivendas sociais, Xuncal, a estrada da praia, o pavillón, Remior, San Bartolo, Angueira, Viladaíde, Áspera, Vilar, Eiras, Merille, a baixada do cuartel e o teleclube, rematando nas vivendas sociais.
O broche final da xornada terá lugar no Centro Social, onde se realizará a recepción oficial e o esperado reparto de agasallos para todas as persoas asistentes.