Os programas para poñer en valor o voluntariado, todo un éxito no concello de Cervo
O Concello de Cervo reactivou este verán os programas Cervo a carón do voluntariado VII e Voluntariado Miúdo IV, destinados á mocidade de entre 16 e 30 anos e de 12 a 15 anos, respectivamente. Estas iniciativas, segundo destacou a alcaldesa Dolores García Caramés, tiveron unha excelente acollida, con 11 mozas do municipio uníndose a estas accións voluntarias, demostrando un forte compromiso co desenvolvemento cultural e social da comunidade.
A alcaldesa reuniuse coas voluntarias ao final dunha das súas xornadas en Cervo Concilia, o programa de conciliación do Concello no que participan máis de 150 nenos e que se estenderá ata o 10 de setembro, coincidindo co inicio do curso escolar. Durante o encontro, García Caramés felicitou ás voluntarias pola súa dedicación desinteresada e entusiasmo, subliñando o impacto positivo do seu traballo tanto no Cervo Concilia como nas Noites Alternativas de Verán, onde colaboraron activamente. A rexedora expresou o seu agradecemento ás voluntarias polo seu esforzo e dedicación, animándoas a continuar con ese espírito xeneroso en beneficio de toda a sociedade.