Os programas de emprego beneficiarán a 400 desempregados da provincia

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Os Programas integrados de emprego suporán un investimento de 967.000 euros para catro iniciativas coa inserción laboral a 400 desempregados.
APROLRURAL emprego traballo operario peon
23 Nov 2021

A Xunta de Galicia vén de resolver unha nova convocatoria dos Programas integrados de emprego que suporán na provincia de Lugo un investimento de 967.000 euros para catro iniciativas que ofrecerán oportunidades de inserción laboral a 400 traballadores desempregados.

Os destinatarios das achegas son os concellos de Palas de Rei, Mondoñedo e Chantada, con 250.000 euros en cada caso; os tres presentaron proxectos asociados con municipios da súa contorna, ata sumar un total de 22 implicados. Tamén recibe 217.250 euros o programa promovido pola Asociación Provincial de Empresarios da Hostalería de Lugo (Apehl).

Estes programas ofrecen formación e asesoramento flexible e adaptado ás necesidades do territorio ou do sector, no caso da Apehl. Todos os beneficiarios da provincia desenvolveron propostas similares en edicións anteriores, que suman un investimento acumulado de case 8 millóns de euros nos últimos anos.

Cada un dos programas está dirixido a 100 traballadores desempregados, aos que se oferta formación e información, orientación e asesoramento en aspectos como as técnicas de coaching, intelixencia emocional e motivación para a busca de emprego, tanto por conta propia como allea; habilidades sociolaborais e obradoiros de entrevista; fomento da capacidade emprendedora, prospección empresarial, ou obradoiros sobre mobilidade laboral que proporcionen información dos recursos dispoñibles noutras áreas xeográficas ou mesmo na Unión Europea (rede Eures).

Así mesmo, traballan activamente no emparellamento de ofertas de traballo coas persoas demandantes de emprego participantes e na procura de prácticas profesionais non laborais en empresas, preferentemente en consonancia co contido teórico práctico das accións formativas.

Distribución xeográfica

O concello de Palas de Rei comparte o proxecto cos de Monterroso, Portomarín, Antas de Ulla, O Páramo e Guntín. No de Mondoñedo participan tamén Outeiro de Rei, Friol, Rábade, Begonte, Cospeito, Castro de Rei e Abadín; e no de Chantada os municipios de Carballedo, Taboada, Paradela, Pantón, Sober, O Saviñao e Bóveda.

Hai tamén tres entidades de ámbito galego que prevén realizar actuacións en Lugo. Así, a Fundación Laboral da Construción estenderá o seu programa ás comarcas de Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo e Vigo e aos concellos de Narón e Vilamarín. A asociación do sector do transporte Apetamcor actuará en San Cibrao das Viñas, Lugo, Santiago e O Porriño; e a Federación de Asociacións de Familiares e Enfermos Mentais de Galicia na comarca de Lugo e das grandes cidades galegas, principalmente.

Cada entidade debe presentar un proxecto concreto detallando as actuacións a desenvolver. A Xunta asume os custos de persoal así como as bolsas de asistencia das persoas demandantes e os gastos xerais de material e funcionamento, entre outros.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17262601852417