Os produtos da Serra do Xistral promocionaranse nunhas xornadas gastronómicas en xuño

O 7 e 8 de xuño, varios restaurantes das comarcas da Terra Chá e da Mariña ofrecerán pratos con produtos da Serra do Xistral. E o domingo, a ruta Roteiro do Saber porá o foco nas posibilidades do ecoturismo vencellado aos hábitats e á gandaría de montaña.
O norte da provincia de Lugo converterase esta fin de semana nun escenario gastronómico e de transmisión de coñecemento. Os días 7 e 8 de xuño poñerase en marcha a primeira experiencia piloto de Saberes do Monte, unha marca creada ao abeiro do proxecto RURALtXA!, centrada na conservación da biodiversidade a través da bioeconomía.
Así, durante a fin de semana, restaurantes de concellos de Abadín, Barreiros, O Valadouro, Foz e Mondoñedo, servirán tapas e pratos especiais elaborados con carne de tenreira, poldro e mel producidos na Serra do Xistral.
A experiencia completarase o domingo coa ruta guiada Roteiro do Saber, unha experiencia de ecoturismo que permitirá coñecer, de primeira man, coa colaboración de guías locais, como os produtores locais contribúen á conservación dos ecosistemas como as turbeiras e os queirogais grazas aos seus métodos tradicionais de manexo e produción.

O evento dará inicio o sábado 7 pola mañá no restaurante Asturias, en Ferreira do Valadouro, onde se presentará a marca e se levará a cabo un showcooking inspirado nos sabores do monte, a cargo do chef Juan Rubiños do Restaurante Il Farabutto (Lugo) en colaboración coa Asociación Cociñeiros de Lugo.
RURALtXA! é unha iniciativa promovida pola Universidades da Coruña, de Santiago de Compostela, e a fundación HAZI, co apoio de diversos actores locais e da administración, para conservar hábitats, e , entre outros obxectivos, explorar novos modelos de bioeconomía en áreas de alto valor ecolóxico, como a Serra do Xistral, Monte Maior, A Serra da Faladoira, e a Serra da Groba.
Saberes do Monte é unha marca colectiva que nace para poñer en valor os produtos procedentes de áreas de montaña galegas que axudan á conservación dos hábitats e ao desenvolvemento das comunidades rurais.