Os postos dispoñibles na Praza de Abastos estarán abertos ao público

AMariñaXa
Din dende a Alcaldía que é unha "oportunidade única para as persoas emprendedoras interesadas"
Praza-de-Abastos-Viveiro
30 Nov 2024

A Tenencia de Alcaldía de Viveiro informa de que mañá, sábado 30 de novembro, os postos dispoñibles na Praza de Abastos de Viveiro estarán abertos ao público en horario de 9.00 a 14.00. "Isto é unha oportunidade única para as persoas emprendedoras interesadas en formar parte da actividade comercial da Praza de Abastos, polo que as animo a
achegarse mañá e coñecer de primeira man este espazo clave para o comercio local de Viveiro", destacou Iria Cotelo, concelleira de Comercio.

Esta xornada permitirá ás persoas interesadas visitar as instalacións, coñecer os espazos dispoñibles, a súa distribución e as condicións relativas aos seus metros cadrados de superficie e prezo do canon anual. Lémbrase que o prazo para presentar solicitudes para a concesión destes postos, a través da Plataforma de Contratación do Sector Público, está aberto desde o pasado 26 de novembro e finalizará o 14 de xaneiro de 2025.

A concesión de uso privativo terá un prazo inicial dun ano, prorrogable por outro ano sempre que non se inicien as obras de remodelación da praza. Permitirase a venda directa de calquera tipo de produto, sempre e cando se realice atención directa ao público desde o propio posto. Haberá un total de nove postos dispoñibles para a súa concesión. Para máis
información pódese contactar co Concello no número de teléfono 982 560 128 ou no Departamento de Contratación.

0.16745495796204