Os populares denuncian deficiencias no parque comarcal de bombeiros en Barreiros
Os deputados populares Antonio Ameijide, Demetrio Salgueiro, Clemente Iglesias e José María Fernández mantiveron unha xuntanza cos bombeiros do parque comarcal de Barreiros para coñecer directamente as necesidades e problemas dos traballadores deste servizo, na que os populares afirmaron saír “alarmados” polo “absoluto abandono” que sofren por parte da Xerencia do Consorcio.
Durante este encontro, comprobaron como son “numerosas” as deficiencias existentes neste parque, tanto nas instalacións como nos vehículos e elementos de traballo dos bombeiros, o que evidencia “o abandono” aos que os teñen sometidos por parte da Xerencia do Consorcio impulsada pola Deputación de Lugo, a pesar de que contan cun orzamento de 5.803.624,01 euros.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, afirma que se precisa “maior implicación por parte da Xerencia do Consorcio para resolver os problemas denunciados e mellor xestión dos recursos para dar solución aos mesmos”. Uns problemas derivados da “mala xestión” realizada por parte dos cargos do Consorcio escollidos pola Deputación de Lugo que se exemplifica en que no pleno celebrado aprobouse un suplemento de crédito para o orzamento deste ano de 902.886,63 euros€, é dicir, “cartos que non se empregaron o ano pasado a pesar de que eran moi necesarios para corrixir as deficiencias que presentan os parques, os vehículos, a maquinaria e os propios equipos dos bombeiros”.
Ameiiide defende a “gran profesionalidade” de todos estes traballadores que “pese a todas as deficiencias de medios” que teñen que sufrir “sempre estiveron ao carón dos veciños cando os necesitaron”. Neste senso, o popular destaca que “están nunha formación constante, dando prioridade ao servizo e a prestar un servizo de calidade, sempre preocupados por minimizar o tempo de reacción”.
O voceiro popular explica que “non se pode entender” que os bombeiros teñan que sufrir todas estas deficiencias cando “son profesionais que xogan as súas vidas para salvar as dos demais” polo que urxe “darlles todos os medios que precisen para facer o seu traballo coas máximas garantías posibles”. O Grupo Provincial Popular preguntará no pleno as medidas que se tomarán dende o goberno provincial para poñer fin a todos os problemas que aluden os bombeiros así como se estudará a posibilidade de solicitar informes técnicos dos vehículos, dos medios técnicos e do propio parque comarcal.