Os Populares demandarán no Pleno que se mellore o sistema de cotización dos traballadores do mar
O Grupo Popular defenderá no Pleno da vindeira semana unha proposición non de lei a través da que se solicita ao Ministerio de Xustiza que de xeito inmediato rectifique a proposta de novos xulgados para Galicia en 2019 para incluír a creación dun novo Xulgado do Social para Lugo. Así mesmo, desde o Grupo Popular pedirase ao Goberno central que mellore o sistema de cotización e protección sociolaboral das persoas traballadoras do mar, estudando a posibilidade de establecer un sistema que permita aumentar voluntariamente as bases de cotización.
Ao remate da Xunta de Portavoces, o viceportavoz do Grupo Popular, Miguel Tellado, informou que a orde do día da sesión plenaria da vindeira semana inclúe a comparecencia da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade para informar da planificación da Xunta de cara a continuar avanzando no reto dunha adecuada xestión do ciclo integral da auga.