Os populares de Trabada din que “as actitudes da alcaldesa xogáronlle unha mala pasada incluso dentro do seu partido”
Os populares cren que “as actitudes ditatoriais da alcaldesa de Trabada e o seu carácter xogáronlle unha mala pasada incluso dentro do seu partido. O PSOE relega a Mayra García ao número 3 da lista ás autonómicas pola provincia, despois de varios días nos que os medios a situaban no número 2, que finalmente ocupará a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez”. É dicir, “colocan por diante a unha rexedora cun 34,8% menos de apoio que a trabadense. Queda claro que Méndez ten moito máis peso dentro do seu partido”, segundo valora o portavoz popular, José María Fernández.
“Aínda así Mayra García prefire marchar de Trabada”, engade. O PP de Trabada xa leva tempo advertindo que “a rexedora socialista aguantaría mentres non tivese a posibilidade de marchar para outro sitio no que estivese máis cómoda” porque, “como todos sabemos, non lle gusta Trabada nin nunca lle interesou. Xa o deixou claro cando se asegurou unha praza no Concello da Coruña. E agora tratará de converterse en deputada autonómica, se os lucenses lle dan o seu apoio”.
Fernández lembra que “xa na pasada campaña electoral diciamos que os plans de Mayra García estaban lonxe de Trabada. Daquela os socialistas negábano con intensidade, pero agora vemos que cambian de opinión, que é algo que está de moda dentro do PSOE”.
O voceiro popular reitera que “o interese do PP de Trabada é traballar polo concellos e os nosos veciños” e, dende o respecto polos trabadenses e a lealdade aos nosos veciños, seguiremos traballando”.
https://galiciaxa.com/2024/01/amxa/zonas-amxa/trabada-amxa/248540/