Os populares de Burela solicitan a revisión das facturas abonadas a Geseco
O Grupo Municipal Popular (GMP) de Burela presentou no día de hoxe un escrito a través do rexistro electrónico do Concello no que solicita “a revisión dos expedientes de recoñecemento e abono de todas e cada unha das facturas presentadas pola empresa GESECO no Concello de Burela nos últimos doce meses en relación coa súa adxudicación dos servizos de recollida de RSU, limpeza viaria e de praias, e punto limpo, para verificar que se axustan aos pregos de condicións que serviron de base para a adxudicación e ao contrato asinado no seu día polo Concello e a adxudicataria. No caso de detectarse algunha irregularidade, proceder de inmediato conforme aos pregos aprobados no seu día e a normativa legal vixente na materia.”
Os populares toman esta decisión logo de ter analizado polo miúdo a documentación solicitada oficialmente ao Concello e remitida a través de decretos de Alcaldía. Lembran que no pleno de 27 de setembro último presentaron unha moción na que solicitaban do alcalde que demandara o cumprimento dos pregos de condicións da adxudicación a GESECO, por entender que non se estaban cubrindo as baixas e as vacacións do persoal.
Desde o GMP afirman que, “por exemplo, no mes de xullo de 2018 debería de contarse con 38 postos de traballo segundo o Prego de Prescricións Técnicas (PPT) que serviu de base para a adxudicación. Pero segundo os TC a empresa só contou con 21 traballadores dos cales 3 estiveron de baixa. Algo similar aconteceu en agosto do mesmo ano: tamén debería contarse con 38 postos de traballo, pero aparecen 21 traballadores no TC, dos cales 5 estiveron de baixa. E tamén pasou o mesmo en xullo de 2017, xa que tiña que haber 38 postos de traballo, pero resulta que no TC aparecen 23 traballadores, dos cales 4 estaban de baixa e 6 a xornada incompleta.”
Os populares indican que o número de persoas contratadas para cubrir dous postos de traballo tería que ser de 3’5, é dicir, con sete persoas cubriríanse catro postos de traballo (xa que hai que ter en conta fins de semana, vacacións, etc.).
Os edís do PP inciden tamén na maquinaria que aparece como mínima obrigatoria no PPT que serviu de base á adxudicación feita a GESECO o 2 de febreiro de 2017. “En vez de ter vehículos de recollida selectiva con gancho, como indica o PPT, están empregando camións compactadores de tres eixes. Ou en vez de empregar camións con cuba de 9.000 ou 6.000 litros para baldeo, están empregando un camión de rego e baldeo de 2.000 litros con mangueira. E tampouco se está a empregar a varredora de tipo 5, xa que só se emprega a de tipo 2, máis pequena e de menor capacidade”.
Desde o GMP lembran que xa no seu día denunciaron “a inexistencia no Concello dos partes de lavado de contedores, baldeo mecánico de rúas e beirarrúas e desratización, o que nos leva a pensar que estes servizos, no caso de facerse, pode que non se fixeran conforme ao PPT”.
Os populares consideran que “a obriga de mirar polos intereses económicos do Concello e dos cidadáns, e de mirar porque os servizos que preste o Concello sexan os acordes co que no seu día se adxudicou, non é competencia exclusiva do alcalde, senón de todos e cada un dos membros da corporación e dos grupos políticos. Como vemos que o alcalde non move un dedo, por iso tomamos a decisión, precisamente á vista dos datos que o alcalde mesmo nos traslada, de solicitar esta revisión de facturas para verificar que os pagos que se están efectuando cumpren escrupulosamente co PPT e demais documentación que serviu de base para esta adxudicación”.