Os populares de Burela piden que se faga un recoñecemento público á Confraría de Burela

AMariñaXa
O PP de Burela, a través do seu voceiro Manuel Rouco, pide ao goberno local un recoñecemento público para a Confraría de Burela, aproveitando a proximidade do seu primeiro centenario e dado que nunca antes se fixo ningún tipo de homenaxe por esta entidade que tanto fixo por Burela e polo mundo do mar.
PP Burela Manuel Rouco 2023
8 Oct 2023

O PP de Burela, a través do seu voceiro Manuel Rouco, pide ao goberno local un recoñecemento público para a Confraría de Burela, aproveitando a proximidade do seu primeiro centenario e dado que nunca antes se fixo ningún tipo de homenaxe por esta entidade que tanto fixo por Burela e polo mundo do mar.

Os populares cren que o recoñecemento debe partir dunha declaración e acordo unánimes da Corporación Municipal, e en base ao Regulamento de Honores, declaración e acordo que deben ter a especifidade que o caso require.

“Consideramos acaído que se convoque aos portavoces dos distintos grupos políticos da Corporación para tratar sobre este recoñecemento e que se consensúe cal vai ser a materialización de tal recoñecemento e o procedemento de concesión oficial e entrega, a todo o máis tardar nun prazo máximo de quince días dende a recepción da presente, considerando como data idónea o 18 de novembro, día do centenario da Confraría”, explicou Rouco.

Tras esta xuntanza de voceiros, no PP de Burela consideran necesaria a convocatoria dun pleno extraordinario cun único punto na orde do día, antes do 18 de novembro, o recoñecemento público da colaboración da Confraría co pobo de Burela con motivo dos seus cen anos de vida "consideramos necesario un pleno extraordinario por todo o que a Confraría fixo por Burela e os burelaos”, sinalou.

Unanimidade

Así, Manuel Rouco amosa a vontade de sentarse a falar sobre este eido no que “todos debemos de estar de acordo” e explica que “non nos pechamos a ningunha posibilidade pero, dado o carácter de persoa xurídica da Confraría, encaixaría a concesión da Medalla de Ouro do Concello e, incluso, a colocación dunha placa na Praza do Concello facendo alusión aos cen anos da entidade e en recoñecemento á colaboración prestada durante tantos anos co pobo de Burela”.

A Confraría de Pescadores cumprirá o 18 de novembro cen anos de creación, xa que se constituíu o 18 de novembro de 1923 como Pósito de Pescadores de Burela, ao abeiro da Real Orde de 5 de xaneiro de 1918 que regulaba a creación dos pósitos de pescadores. A orde de 21 de marzo de 1943 do Ministerio de Traballo trouxo consigo o cambio de nome e mesmo unha certa transformación dos pósitos, que pasaron a ser confrarías.

Recorda o voceiro popular, Manuel Rouco, que esta Confraría “tivo unha importancia crucial no desenvolvemento de Burela”. Dende a construción da primeira rula con taboleiros de madeira, a Confraría ten estado presente en todos os ámbitos da vida Burela, sen esquecer o pulo económico que deu á vila e para a realización de obras de carácter social, como para poder adquirir os terreos nos que agora se atopan a Casa e Praza do Concello.

0.16106009483337