Os populares de Burela fan balance do mandato do goberno local

AMariñaXa
O PP de Burela reúnese con Elena Candia e Javier Vázquez Nodal para reforzar a estrutura do partido
Reunión-Candia-e-Nodal-co-PP-de-Burela
18 Dec 2024

O PP de Burela reuniuse coa presidenta, Elena Candia, e o secretario xeral do PP da provincia de Lugo, Javier Vázquez Nodal. Enmárcase na programación de encontros coas agrupacións locais. O obxectivo destas reunións é reforzar a estrutura do partido e potenciar o contacto cos distintos grupos de traballo nos concellos da provincia.

Durante o encontro, os populares analizaron o crecemento e consolidación do PP local no último ciclo electoral. Tamén destacaron o aumento do impacto nas redes sociais, que permite que a información sobre o proxecto do Partido Popular de Burela chegue a un número crecente de veciños e veciñas, especialmente á xente moza.

Ademais, fixeron balance do que vai de mandato en Burela, abordaron a actualidade municipal e afondaron en novas liñas de actuación coas que favorecer o desenvolvemento da vila e posicionarse como alternativa ao bipartito actual.

O portavoz popular, Manuel Rouco, criticou ao goberno municipal asegurando: “O goberno PSOE-BNG que preside a señora López Moreno suspende en transparencia (o Portal de Transparencia segue sen estar actualizado e tampouco facilitan a documentación en tempo e forma)”. Ademais, sinalou que “se caracteriza pola actitude ditatorial da rexedora (que prohibe falar aos concelleiros por alusión durante o pleno a pesar de que teñen dereito a réplica) e as continuas irregularidades e ilegalidades que se evidencian, claramente, coa repetición de plenos para rectificar procedementos”. Rouco lamentou tamén a falta de proxectos importantes para a vila e indicou que “baixaron os investimentos reais no último ano, cando Burela xa estaba á cola da Mariña en investimento de diñeiro público en licitación de obras e servizos”.

Fronte a este escenario, o Partido Popular de Burela traballa nun proxecto que “aposta clara e directamente por contribuír ao desenvolvemento das empresas e negocios locais, incrementar os apoios ás familias para favorecer o asentamento da poboación, incentivar o asociacionismo e apoiar as súas actividades (por exemplo, revisando as bases das axudas municipais para simplificar a súa tramitación) para dinamizar a vida social da vila e xestionar debidamente o Concello para garantir a prestación de servizos e a atención do día a día dos veciños e captar axudas que permitan incrementar o investimento real en bens e servizos para o municipio que redunden na mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas de Burela”.

 

0.14669489860535