Os populares da Mariña unen forzas para esixir ao Ministerio de Transportes "rapidez” nas obras da fochanca da N-642

Foz
AMariñaXa
O Mitma está a executar as obras de emerxencia na estrada N-642 e o luns 20 abrirase un desvío provisional
PP Mariña protesta socavón N642 (4)
29 sep 2023

Os populares da Mariña unen forzas para esixir ao Ministerio de Transportes que finalice “na maior brevidade” as obras no “socavón da vergoña” na N-642, unha infraestrutura clave para esta comarca. “Non hai avances a un ritmo razoable nin o Ministerio ten concretado unha data na que podería estar restablecida a normalidade na vía” polo que consideran que “é un insulto para A Mariña e pedimos aos alcaldes do PSOE que se unan á nosa reivindicación”.

Dende o PP condenan que “o Goberno de Pedro Sánchez non lle dea a esta obra a prioridade que merece para garantir a recuperación da circulación no conxunto desta estrada “en condicións de normalidade, vialidade e seguridade” e piden “axilidade” tendo en conta que “levan oito meses en obras” obrigando aos usuarios a circular por un desvío provisional á altura do acceso a Burela dende Foz que está a ocasionar moitas incomodidades e prexuízos, en especial a veciños e transportistas.

A reparación da fochanca e a posterior reposición da estrada presentouse desde o Ministerio como unha “actuación de emerxencia”, pero a realidade é que durante o verán e nas últimas semanas as obras están practicamente paradas ou cun ritmo extremadamente lento.

VISITA SOBRE O TERREO

Para visualizar a súa protesta os populares da Mariña visitaron a zona afectada -á altura da praia da Areoura- cunha ampla delegación encabezada pola presidenta provincial e deputada, Elena Candia, e o coordinador do PP lucense e voceiro de Infraestruturas do Grupo Popular no Parlamento galego, José Manuel Balseiro; ademais de alcaldes e portavoces que avanzaron unha ofensiva nas distintas institucións, incluída a presentación de iniciativas en todos os concellos da comarca.

De feito, este mesmo mércores debaterase na Comisión de Infraestruturas do Parlamento de Galicia unha proposición non de lei para que o Goberno de España acometa os traballos pendentes no treito afectado polo socavón. Unha iniciativa similar xa foi obxecto de debate o pasado xoves no pleno do Concello de Burela, a instancias do Grupo Municipal Popular resultando aprobada por unanimidade, cos votos a favor de tódolos grupos da corporación local.

UNHA VÍA SEN ALTERNATIVA 

Os populares aseguran que o socavón non só “sacou a relucir os deficientes labores de mantemento e conservación que está a facer o Ministerio nas estradas estatais”, senón que tamén evidenciou “as carencias en materia de infraestruturas desta comarca”. Nese senso lembran que a N-642 é a principal vía da Mariña e carece dun itinerario alternativo “como quedou demostrado cando se produciu este socavón e se intentou desviar o tráfico”. Nese sentido, precisaron que “se lle debe ao Goberno de Pedro Sánchez a paralización da autovía A-74 entre A Espiñeira (Foz) e Castelo (Cervo)”, un proxecto que só existe no papel e que desde Moncloa teñen esquecido desde o punto de vista administrativo e orzamentario.

“Esta situación non é allea ao que está a ocorrer no resto de Galicia e da provincia coas as infraestruturas que dependen do Estado: con Pedro Sánchez, Galicia perde sempre”, conclúen.

0.23299598693848