Os Petiscos de Cervo regresan con novas propostas para dinamizar a hostalaría

AMariñaXa
O Caseto de Copa e a Pousada O Almacén inauguran este venres unha edición que incorpora tamén pulgas cada semana
Cervo-PETISCOS-ruta-2026
3 Mar 2026

A hostalaría de Cervo volve apostar pola promoción gastronómica cunha nova edición dos Petiscos, unha iniciativa que arrinca este venres 6 de marzo coa implicación do Caseto de Copa e da Pousada O Almacén e co respaldo do Concello. O obxectivo é incentivar o consumo nos establecementos locais e reforzar a actividade económica do municipio a través dunha proposta atractiva para veciñanza e visitantes.

A presentación oficial celebrouse na Casa do Concello coa presenza da alcaldesa, Dolores García Caramés, acompañada por Elsa Fernández e Tomás Mariño, en representación dos negocios participantes.

Como novidade destacada, nesta tempada cada venres non só se servirá a tapa tradicional, senón tamén unha pulga, ampliando así a variedade culinaria e ofrecendo máis opcións para todos os gustos.

No menú inaugural, a Pousada O Almacén elaborará unha caldeirada como tapa e unha pulga de lombo con queixo, mentres que o Caseto de Copa propoñerá lombo ao gorgonzola con arroz branco e unha mini hamburguesa en formato pulga.

A campaña prolongarase ao longo das próximas semanas e incluirá un sorteo final dun lote de viño e dun xamón entre as persoas participantes, como incentivo adicional. Desde o Concello animan a gozar desta ruta gastronómica que converte os venres nunha cita coa boa mesa en Cervo.

0.12548804283142