Os pases para acceder á praia das Catedrais, esgotados ata o 23 de agosto
O Concello de Ribadeo insiste en que os pases para acceder á praia das Catedrais son gratuítos. Aquelas persoas que se aloxen neste municipio contan con eles para visitar o areal, ao igual que as que se despracen ata alí no bus lanzadeira ou en taxi.
“Queremos insistir desde o Concello de Ribadeo e desde a Área de Turismo en que o acceso á praia das Catedrais é totalmente gratuíto”, dixo a concelleira de Turismo, Marta Saiz. A edil ribadense subliñou que recomendan “que as persoas que desexen visitar o areal se aloxen nos establecementos hostaleiros que poden atopar na páxina web www.turismo.ribadeo.gal”.
Tamén teñen a posibilidade “de acudir en taxi ou no bus lanzadeira que se move en función da marea. Eses tíckets do taxi e do bus serven para acceder ao areal. Empregando algunha destas dúas opcións contribuiremos a desconxestionar o tráfico e as aglomeracións que se poden rexistrar na praia das Catedrais, posto que é un espazo natural”.
Saiz engadiu que “se se hospedan noutro lugar da Mariña ou do Occidente de Asturias e prefiren achegarse polos seus propios medios poden facer a reserva a través da seguinte páxina da Xunta de Galicia https://ascatedrais.xunta.gal . Insistimos en que a forma máis cómoda é visitando Ribadeo, aloxándose nos nosos establecementos regrados e reiteramos que a entrada á praia das Catedrais é absolutamente gratuíta”. Agora mesmo os pases na páxina de reservas da Xunta están esgotados ata o 23 de agosto incluído.