Os Orzamentos 2025 da Xunta contemplan 1.892 millóns de euros para a provincia de Lugo

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Volve a ser a provincia con maior investimento per cápita, con 5.840 euros por habitante, un 4,9 % máis que o ano pasado
medico sergas sanidade
19 Oct 2024

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destaca o compromiso do Goberno galego con Lugo, que suma 1.892 millóns de euros nas partidas de investimento xa territorializadas dos Orzamentos para 2025, e volve a ser a provincia con maior investimento per cápita, con 5.840 euros por habitante, un 4,9 % máis que o ano pasado. Os Orzamentos de 2025 recollen a primeira prioridade do Goberno galego, que é o reforzo continuo e permanente do gasto social, a sanidade, a educación, as políticas sociais e o emprego. Para isto, destínase unha cifra que supera por primeira vez os 10.000 millóns de euros, ata alcanzar os 10.267 millóns.

Así, estas contas dedican para sanidade 5.434 millóns de euros para o ensino 2.972 millóns de euros; para políticas sociais 1.415 millóns de euros; e para emprego 446. O compromiso coas políticas sociais reflíctese na provincia de Lugo cun gasto que ascenderá a 193 millóns de euros, un 11 % máis que o ano anterior, con orzamento para a remodelación, na cidade, das residencias de maiores da Milagrosa (1,4 millóns) e das Gándaras (4 millóns, o dobre do ano pasado), como tamén para a reforma das residencias de Castro Ribeiras de Lea e de Burela.

Contémplanse ademais partidas para o novo centro de servizos sociais situado na Rampa Claudio López de Lugo (1,3 millóns) e para a creación do novo centro de crise 24 horas, no HULA, que prestará atención continuada ás vítimas de violencia sexual. A Consellería de Política Social reserva igualmente partidas para a remodelación do centro de menores Santo Anxo, de Rábade, e para a posta en marcha dun punto de encontro familiar en Cervo, que dará servizo á Mariña.
Javier Arias salientou ademais a posta en marcha o vindeiro ano da nova residencia de maiores de Antas de Ulla, con 48 prazas, o plan de choque para mellorar os tempos de agarda para acceder á dependencia, o mantemento da gratuidade das escolas infantís, e as axudas ás familias a través do Bono Concilia e do Plan Corresponsables.

675 millóns para sanidade

No ámbito sanitario, as contas do 2025 destinarán á área de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos 675 millóns de euros, un 5,7 % máis que o ano anterior. Consígnase crédito para avanzar na reforma dos centros de saúde de Outeiro de Rei, de Antas de Ulla e da Milagrosa, en Lugo, así como o importe para a contratación do proxecto do centro de saúde de Meira, na que actualmente se está a traballar. Na capital, a Xunta mantén tamén o pleno compromiso coa construción do novo centro de saúde do Sagrado Corazón.

Os Orzamentos para 2025 contemplan ademais partidas que permitirán seguir apostando polos hospitais comarcais, con case 6,5 millóns de euros para avanzar na ampliación do Hospital da Mariña (5 millóns) e no Plan director do Hospital de Monforte (1,4 millóns), co obxectivo de contar con espazos máis modernos e funcionais. Destinarase medio millón para adquisición de ecógrafos en toda a área sanitaria. A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas investirá na provincia de Lugo 1,78 millóns en obras, o que supón un incremento do 2,1 % con respecto ao exercicio anterior. O delegado territorial destaca o especial reforzo na construción de vivendas de promoción pública, ás que se destinarán 12,1 millóns.

Vivenda pública e infraestruturas

“A Xunta cuadriplica a súa aposta pola ampliación do parque público de vivenda na cidade, o que permitirá facilitar o acceso a vivenda ás familias con máis dificultades de acceder ao mercado libre”. Licitarase ademais o concurso de ideas para o barrio da Tinería e continuarase a desenvolver este ámbito con novas actuacións. A través do programa Rexurbe investiranse máis de 1,8 millóns en Lugo, Mondoñedo, Ribadeo, Viveiro e Vilalba e financiarase con máis de 3,6 millóns a rehabilitación de vivendas en cascos históricos para destinalos a alugueiro social. No tocante ás infraestruturas viarias, nos Orzamentos para 2025 consígnanse 2 millóns para iniciar a conversión en autovía do corredor Nadela-Sarria, e outro tanto para avanzar na mellora do eixo entre Begonte, Friol e Palas de Rei da estrada LU-231.

Tamén se reservan 3 millóns para a restitución da estrada LU-651 en Folgoso do Courel, e fondos para acometer a mellora da estrada da Gañidoira (LU-540) no marco do plan de obras para a VAC Costa Norte e outras da contorna dotado con 4,75 millóns. A partida para a conservación e reforzos de firme nas estradas provinciais medra en 3,4 millóns, ata superar os 12 millóns. Na cidade, a Xunta mantén a súa aposta pola Ronda Leste como anel de circunvalación, coa reserva de 5 millóns, e contempla 500.000 euros para a ampliación e arranxo da rúa Serra de Meira, dando continuidade ao programa de investimentos do Plan Paradai e confiando en que sexa posible executalos cando a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil remate a obra no vial.

Educación

A senda de Ombreiro, en Lugo, o acceso á A-6 desde a LU-710 en Baralla, ou a construción dunha glorieta na LU-903 en Sober, son outras iniciativas con orzamento concreto para o vindeiro ano. En materia educativa, os Orzamentos para 2025 superan, por primeira vez, os 3.000 millóns, o que supón un máximo histórico. Afondarase na actualización dos centros educativos da provincia, cun orzamento de máis de 2,5 millóns para a rehabilitación integral do CEIP Plurilingüe Avelino Díaz (Meira) e o CEIP Veleiro-Docampo (Castro de Rei), ademais de actuacións de mellora nos CEIP Álvaro Cunqueiro Mora (Mondoñedo), CEIP Xoán de Requeixo (Chantada) e no CIFP Porta da Auga (Ribadeo).

Na cidade, a Xunta segue a apostar pola mazá educativa coa rehabilitación integral, xa en marcha, do IES Lucus Augusti, para o que se destina 1,6 millóns na súa segunda anualidade de execución. O Campus Terra de Lugo verase reforzado cun investimento de 4 millóns para seguir promovendo o seu desenvolvemento. Os Orzamentos de Presidencia, Xustiza e Deportes para 2025 consignan unha partida de 6,2 millóns destinada a impulsar a Estación Intermodal de Lugo para acadar a plena integración da estación de autobuses coa ferroviaria, e outra de 1,6 millóns para a reforma do estadio Anxo Carro. Por outra banda, reforzarase a colaboración cos concellos no vindeiro ano, aumentando a partida global ata os 641 millóns, cun incremento do 11 % na nosa provincia, o que suporá o maior esforzo da historia da autonomía cos municipios.

Medio rural

As contas autonómicas mobilizan tamén máis de 2,2 millóns para obras de eficiencia enerxética nos xulgados de Monforte, Vilalba e Viveiro. En medio ambiente, consígnanse partidas para a conservación de hábitats nos Ancares Lucenses e a restauración das áreas afectadas polo lume no Courel. Actuarase ademais sobre o saneamento e abastecemento nas zonas de Pantón, Triacastela e Outeiro de Rei. A Consellería de Medio Rural mantén a súa aposta por un territorio coidado e produtivo e, por iso, promove o Plan Camiña Rural, dotado con 10 millóns para o vindeiro ano -4,5 millóns para a provincia de Lugo- e destina algo máis de 1 millóns á posta en marcha de sete pasteiros co fin de aumentar a base territorial das explotacións e actuar como barreira natural contra os incendios forestais.

Tamén se mellorará o regadío do Val de Lemos e haberá fondos para unha liña de achegas en apoio ao sector vitivinícola, para conservación da contorna paisaxística e a loita contra a erosión nos viñedos da Ribeira Sacra. O departamento de Cultura, Lingua e Xuventude destina preto de medio millón de euros para a posta en marcha da novidosa Rede Adival, co fin de dinamizar a cultura no rural, e o Plan de dinamización da lectura, ao que dedica 700.000 euros. Mantén o seu compromiso coa candidatura da Ribeira Sacra nos orzamentos e no eido patrimonial asigna máis de 760.000 euros ao Colexio do Cardeal de Monforte. Darase continuidade ao Plan Catedrais cun investimento de máis de 600.000 euros para restaurar a Catedral de Mondoñedo.

Industria

O Polo Aeroespacial de Rozas recibe 25,7 millóns de Economía e Industria para afondar na aposta innovadora no sector dos vehículos non tripulados e, na cidade, destaca unha partida de 4,7 millóns para continuar as obras de ampliación do Parque empresarial das Gándaras, en execución desde o mes pasado. Así mesmo, Emprego prevé 730.000 euros para os centros de Formación Profesional Ocupacional de Lugo, Viveiro e a UAF de Monforte. Impulsaranse os 5 polos de emprendemento da provincia cunha achega de 600.000 euros e renovaranse oficinas de emprego como a de Monforte. Os portos da provincia de titularidade autonómica veranse beneficiados de novas melloras como o reforzo do dique de Celeiro, a remodelación do acceso ao porto de Ribadeo e renovación de luminarias LED nos portos de Ribadeo e Viveiro-Celeiro.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18041706085205