Os obradoiros da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense empezan este xoves

AMariñaXa
A presidenta da Mancomunidade, Rocío López, explicou que “este novidoso programa se levará a cabo os días 31 de outubro, 2, 3, 9 e 10 de novembro como unha primeira experiencia piloto
Xeorruta-Xove-mancomunidade-a-marina
29 Oct 2024

Este xoves, 31 de outubro, arranca unha nova iniciativa da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, que son os Obradoiros con corazón, destinada a xerar un novo programa de posta en valor da actividade artesanal no destino e atraer un turismo desestacionalizado, mediante a creación de experiencias inmersivas que acheguen ás persoas visitantes e á poboación local á rica tradición artesanal da comarca.

A presidenta da Mancomunidade, Rocío López, explicou que “este novidoso programa se levará a cabo os días 31 de outubro, 2, 3, 9 e 10 de novembro como unha primeira experiencia piloto, no marco dos convenios de colaboración da Mancomunidade coa Axencia Turismo de Galicia e coa Deputación Provincial de Lugo, para o impulso e a promoción do xeodestino e a posta en valor da artesanía coma un recurso único e diferencial”.

O 31 de outubro de 17.00 a 19.00 horas terá lugar o de iniciación á cerámica contedora de alimentos con Regal Cerámica, en Viveiro. O taller consiste en adentrarse no coñecemento da materia prima e a técnica necesaria para elaborar louza de uso cotiá nunha experiencia familiar amena e creativa. A animalidade benéfica con Miratú, en Mondoñedo.

Pola súa parte, o 2 de novembro de 11.00 a 13.00 horas, da man da artesá de lá Vérónica Page, realizarase unha obradoiro de inmersión no coñecemento e técnica ancestral das fiandeiras nunha experiencia creativa de fiado na roca de lá virxe (lá de ovella e alpaca), así como tratamento do fieltro.

Ademais, ese mesmo día, de 17.00 a 19.00 horas, terá lugar un garda lentes moi persoal con Raíces Nómadas, en Ribadeo, un taller de familiarización coa técnica do deseño e confección en coiro no que as persoas participantes realizarán a súa propia funda para gardar os lentes, nunha experiencia na que se reivindica a materia prima e técnica artesanal na elaboración das pezas.

Xa o 3 de novembro será a quenda do Taller dos Títeres, en Mondoñedo, en horario de 11.00 a 13.00 horas, inspirado en seres fantásticos e do mundo dos contos, no que cada quen elixirá un animal ou personaxe que deberá deseñar e crear con materiais reciclados.

Por outro lado, haberá un obradoiro de Kintsugi cos Artesáns do Pasatempo, en Mondoñedo, o 9 de novembro de 11.00 a 13.00 horas. Será unha experiencia baseada na técnica ancestral xaponesa de reparación de obxectos cerámicos con ouro onde se resaltan as cicatrices como as experiencias de vida do obxecto.

Ademais, imparten un obradoiro de Rakú con Esquina Atlántica, en Mondoñedo, o 10 de novembro de 11.00 a 13.00 horas. Trátase dunha experiencia con rakú, técnica xaponesa asociada ao ritual do té, no que as participantes prepararán o seu propio chawan (taza de té) ao estilo xaponés acercándose á técnica do esmaltado e posterior forneado a altas temperaturas.

Rocío López indicou que “a participación nestes obradoiros creativos e participativos contará cun aforo limitado de entre 8 e 10 persoas, o que garante unha experiencia personalizada e única. Será de balde para os asistentes previa inscrición mediante a reserva online habilitada. Cada obradoiro terá unha duración estimada de entre 90 minutos e 2 horas e deberá contar cun mínimo de 5 persoas inscritas para a súa celebración”.

Toda a información e reservas das actividades deste programa pódense consultar na páxina web.

0.15340805053711