Os nenos maiores da Ocioteca de Verán de Burela fixeron a actividade ambiental, A mar de limpo e a mar de sucio
As nenas e os nenos de maior idade da Ocioteca de Verán participaron nunha actividade de concienciación ambiental denominada A mar de limpo e a mar de sucio.
As monitoras do Centro Gaia realizaron co grupo dos maiores da Ocioteca unha saída a unha zona do paseo marítimo á altura da praia de Ril e elaboraron un mural representando un areal limpo, no que reflectiron area, cunchas, pedras, algas, restos de ósos de lura, restos de ovos de peixe raia, e incluso os colectores e a bandeira. E outro completamente cheo de residuos no que se podían ver latas, cabichas, botellas, bolsas, bastonciños, vasos de plástico, tapóns, restos de cordas, etc.
As monitoras explicáronlles a importancia de usar sempre as papeleiras e os contedores “porque todo o que está no chan dalgunha maneira remata no mar e posteriormente nos nosos areais”.
A concelleira responsable do Centro Gaia, Lina Gómez, indicou que “a través desta actividade preténdese desenvolver hábitos e pautas de comportamento individual respecto á reciclaxe e aprender a clasificar os materiais de refugallos en función do contedor correspondente. Para sermos adultos responsables é moi importante fomentar estas actividades e comportamentos desde a nenez”.