Os nenos de Trabada poden desfrutar xa dun renovado parque infantil
Os nenos e nenas do Concello de Trabada poden desfrutar xa do renovado parque infantil da rúa San Roque, despois das obras de reforma realizadas nas últimas semanas.
Os traballos consistiron na instalación dun novo pavimento de absorción de impactos para a zona infantil, a substitución dos equipos para xogos infantis e do cercado de madeira, así como a colocación de paneis informativos.
“Era unha reforma moi necesaria, nestes tempos ademais de pandemia nos que temos que impulsar as actividades ao aire libre; o parque está listo desde hoxe para desfrutalo durante o verán”, asegura a alcaldesa de Trabada, Mayra García Bermúdez
Financiada pola Deputación de Lugo, esta actuación de renovación integral do parque infantil tivo un orzamento próximo aos 50.000 euros.
O espazo conta agora cun carrusel, unha estrutura multifuncional con dous tobogáns (un para nenas/os de 1 a 3 anos e outro de 4 a 14 anos), dous columpios con dous asentos cada un (un dos cales é para nenas/os de 1 a 3 anos) e un balancín dobre. O parque de Trabada está destinado a nenos e nenas de 1 a 14 anos.
As instalacións cumpren con todas as normativas de seguridade vixentes e contan con espazos de xogo inclusivos.