Os nenos de Barreiros recibiron os libros Os Bolechas van da escola á granxa
A deputada de Medio Rural, do Mar e Mocidade Mónica Freire achegouse este luns ao CEIP de San Cosme de Barreiros para entregar exemplares do libro “Os Bolechas van da escola á granxa, unha publicación editada ao fío do programa "Da Escola á Granxa" co que, nestes meses, se están a levar a cabo visitas de escolares a granxas e pequenas producións agrícolas e artesanais do rural.
Os nenos e nenas de Barreiros visitaron a granxa Arqueixal, en Palas de Rei, onde ademais de interaccionar cos animais coñeceron o proceso de
elaboración do queixo e do iogur natural que producen.
A deputada de Medio Rural, que estivo acompañada polo alcalde en función de Barreiros, Antonio Veiga, e polas concelleiras de Educación e Igualdade Montse Porteiro, e Servizos Sociais, Carme Veiga, sinalou que "coa edición destes libros, que están a recibir os pícaros e pícaras que participan nas visitas, queremos dar continuidade e expoñer dun xeito didáctico e divertido a importancia do traballo que desenvolven gandeiros e gandeiras, na produción de alimentos e na conservación do territorio e colaborar en trasladar aos máis pequenos a imaxe dun rural vivo, dinámico e con futuro".
Mónica Freire apuntou tamén "as boas valoración que tanto desde os colexios como desde as granxas fan destas visitas, que comezaron a finais do curso pasado e que continúan durante este primeiro trimestre do novo curso"
Ademais do alumnado do CEIP de San Cosme de Barreiros, nas últimas semanas realizáronse visitas de alumnado do CEIP de Triacastela e do CEIP do Páramo, a El País del Abeyeiro; do CEIP de Riotorto, do CEIP Terra Chá de San Román (Vilalba) e do CEIP Cantel de Foz, a Tropic Gaia; do CEIP de Begonte, a As Vacas da Ulloa; do CEIP de Paradela e do CEIP de Samos, a Muvicla; do CEIP Xoan de Requeixo de Chantada e do CEIP Frei Luis de Granada de Sarria, a Casa da Fonte; do CEIP de Cospeito, a Champivil e Chousa do Lea; do CEIP DE Quiroga e do CEIP de Muras, a Caurelor; do CEIP de Monterroso, a Pazo de Vilane e As Vacas da Ulloa; do CEIP Laverde Ruiz de Outeiro de Rei a Arqueixal; e do CPI Tino Grandío de Guntín a Cabuxa Natur. Ademais, Adega desenvolveu obradoiros de sensibilización ambiental e horticultura ecolóxica no CEIP de Rábade.
Ademais, durante a semana vindeira, están programadas as seguintes visitas a granxas e obradoiros nos centros escolares: o alumnado do CEIP A Ponte (Lugo) coñecerán As Vacas da Ulloa; os do CEIP Monterroso, Milhulloa e Arqueixal; os CEIP Covas de Viveiro, A Casa da Fonte; os do CEIP da Pastoriza, Embutidos Suarna; os do CEIP As Mercedes (Lugo) Chousa do Lea.
As visitas estanse a desenvolver dacordo co calendario elaborado a partir das solicitudes realizadas polas Anpas durante o prazo de convocatoria e coa proposta formativa que cada granxa prepara para os nenos e nenas. Nesta primeira edición do realizaranse 72 visitas e obradoiros.