Os nacionalistas de Viveiro propoñen un plan de pagos personalizados para pagar impostos municipais

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
Os nacionalistas de Viveiro solicitan que o goberno socialista elabore un plan de pagos personalizados de impostos municipais.
8 Nov 2019

Os nacionalistas de Viveiro solicitan que o goberno socialista elabore un plan de pagos personalizados de impostos municipais. O artigo 9.1 do Real Decreto Lexislativo 2/2004 de 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais no que se regulan os Beneficios Fiscais, réxime e compensación, recolle que se poderán recoñecer os beneficios fiscais que as entidades locais estabelezan nas súas ordenanzas fiscais nos supostos expresamente previstos pola lei. Podendo estabelecer unha bonificación de até o 5% da cota a favor dos suxeitos pasivos que domicilien as súas débedas de vencemento periódico nunha entidade financeira, anticipen pagos ou realicen actuacións que impliquen colaboración na recadación de ingresos.

Polo que o BNG viveirense presenta unha nova moción para a posta en marcha dun Plan Tributario Personalizado, no que se estabeleza unha bonificación na cota íntegra dos impostos ao que poderán adherirse de xeito voluntario as veciñas/os que así o desexen. Conseguiría un impacto positivo tanto sobre a Facenda Municipal, que contaría con maior liquidez sen recorrer a vía do financiamento externo ou a créditos o que suporía o pago de intereses, como sobre os/as contribuíntes, ao ver reducida a contía final que ten que ingresar en concepto de débeda tributaria como pola flexibilidade de pago das súas obrigas tributarias.

Polo que o grupo municipal do BNG solicita ao pleno da corporación de Viveiro a adopción do seguinte acordo: aprobar o deseño e posta en marcha dun Plan de Pago Personalizado de impostos municipais que poña a disposición dos contribuíntes de Viveiro un sistema de pagos, mediante adeudo bancario, máis flexíbel que lles permita efectuar ingresos periódicos, a conta da súa débeda anual estimada correspondente aos impostos e taxas municipais de carácter periódico que desexe incluír no Plan de Pagos, sen ningún tipo de interese e cunha bonificación do 3% sobre a cota tributaria, podendo elixir entre pagos mensuais, bimestrais, trimestrais, semestrais ou anual.

O Plan de Pago, que deberá estar aprobado no prazo máximo de tres meses e recollido nunha ordenanza xeral de recadación, segundo propón o BNG, incluirá os tributos de carácter periódico de maior importancia económica para o contribuínte, tanto persoas físicas como xurídicas, ficando acollidos ao plan os seguintes impostos e taxas: IBI, IAE, IVTM, taxa pola prestación do servizo de recollida de lixo e Residuos Sólidos Urbáns de locais ou estabelecementos onde se exerzan actividades industriais, comerciais, profesionais, artísticas ou de servizos e taxa pola entrada de vehículos a través de beirarrúas e reserva de espazo, taxas de abastecemento de augas, taxas de saneamento e depuración augas residuais e taxas por ocupación de terreos de uso público.

CONTAMINACIÓN ACÚSTICA.  O BNG de Viveiro advirte de que segue sen data de elaboración a ordenanza para a protección acústica. No pleno de setembro era aprobada a moción do BNG na que pedían a elaboración dunha Ordenanza de Protección Contra a Contaminación Acústica, na que se limiten as actividades xeradoras de ruído nocturno e se declaren as rúas máis conflitivas do casco histórico como zona acústicamente saturada, ademais de intervir para mellorar a calidade acústica medioambiental nas mesmas, entre outras moitas medidas para mellorar a convivencia nos cascos urbáns do concello.

Tras a aprobación da nosa moción, onde o PSOE se abstivo na maioría dos puntos da mesma, a alcaldesa socialista, María Loureiro, segundo lembran os nacionalistas, dicía na prensa que prevía sacar a exposición pública a ordenanza en outubro.

Polo que estando a novembro, o BNG preguntará no vindeiro pleno que ocorreu coa elaboración da ordenanza que pedía a súa moción e para cando teñen previsto convocalos para comezar coa súa elaboración.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17653584480286