O pleno de Ribadeo deixa aprobada unha modificación orzamentaria e varias críticas da oposición
No pleno da Corporación Municipal de Ribadeo foron aprobadas unha modificación orzamentaria por importe de 160.000 euros e a actualización da ordenanza municipal reguladora das axudas para a conciliación da vida laboral e familiar.
O alcalde, Dani Vega, explicou que “na pasada tarde noite celebramos o pleno municipal no que abordamos varios asuntos, como a aprobación dunha modificación orzamentaria, onde no Concello días pasados decidíamos destinar unha cantidade para investir, para mellorar certas instalación e espazos. E o que fixemos en paralelo foi xestionar ante a Xunta de Galicia para intentar aforrar eses cartos de fondos propios e facelo a través de fondos da Xunta”.
O rexedor subliñou que “falamos de obras como a renovación da contorna do parque de San Francisco, onde iamos investir 40.000 euros e agora será unha cantidade moi superior, grazas á colaboración e á xestión coa Xunta; ou no pavillón de deportes de Cubelas, onde investiremos con fondos da Xunta máis de 20.000 euros; na residencia municipal, onde instalaremos uns toldos, un cenador, para facer actividades tamén ao aire libre cun investimento aproximado aos 20.000 euros; obras de reposición no propio Concello, nas que tiñamos previsto investir 30.000 euros e agora a Xunta de Galicia financiará o 100% destes traballos; ou nas melloras do centro de día. Aquí é unha cantidade superior, son 50.000 euros, que investirá a Xunta na mellora das instalacións que levan moito tempo non moi coidadas e conservadas e era conveniente investir”.
Vega indicou que “estamos a falar dun aforro de fondos propios do Concello de Ribadeo de máis de 160.000 euros, dos que o 100% os financia a Xunta de Galicia. Iso faise con traballo, faise con xestión e cunha dedicación por Ribadeo”.
O alcalde contou que “tamén aprobamos a actualización da ordenanza municipal reguladora das axudas para a conciliación da vida laboral e familiar, incrementando a idade e a cantidade que lles imos subvencionar ás familias”.. Dani Vega considera que “estamos traballando na liña correcta, con toda a humildade o dicimos, pero estamos nesa xestión, traballando e dedicándonos por Ribadeo e traballando entre todos para que Ribadeo siga avanzando”.
Denuncias do BNG de Ribadeo despois do pleno
O BNG de Ribadeo sostén que non vai dar un paso atrás no seu labor de oposición "por moito que Daniel Vega lle queira limitar os tempos de intervención nos plenos do Concello de Ribadeo" despois do pleno celebrado o martes, 10 de outubro, no que "puidemos comprobar que Daniel Vega e o seu equipo de goberno están moi preocupados por ter fronte a eles un equipo sólido e disposto a cumprir co seu labor fiscalizador".
Así, explicaron que, despois dun pleno no que se abordaron distintas cuestións e no que o BNG realizou varias preguntas e rogos, Daniel Vega rematou o mesmo indicando que a partir de agora as normas de desenvolvemento dos plenos no Concello de Ribadeo ían ser doutro xeito: a oposición só vai poder realizar as preguntas, e o goberno responderá tanto tempo como considere oportuno. Unha breve intervención para réplica e de novo o goberno vai poder responder tanto tempo como volva estimar necesario.
Por isto, os nacionalistas denominan isto como "facer autobombo canto estime o señor alcalde, e moi breve intervención por parte da oposición". Así, sosteñen que coas preguntas realizadas "pretendemos comprobar como vai o gasto, xa que hai facturas que non se sabe moi ben como nin por que son cambiadas de partida orzamentaria e tamén ocorre que cada vez son máis os gastos correntes (publicidade e propaganda) e que isto está a repercutir nos investimentos previstos".
Tamén demandaron información sobre os criterios seguidos desde o Concello de Ribadeo para seleccionar o persoal que atendeu os puntos lilás neste verán. "Aí puidemos comprobar que, entre o persoal que o atendeu, había persoas que non tiñan a debida formación (por moi voluntariosa que puidera ter sido a súa actitude).
Máis temas no pleno
Ademais, sostiveron que neste verán nalgunha noite de atención nos puntos lilás "nin estiveron abertos todo o tempo que debían, nin o ambiente que neles se desenvolveu foi o máis indicado para un posto de información e apoio a mulleres que puideran ter sufrido algún tipo de violencia sexual".
Así, Vega respondeu falando sobre a desaparición de restos arqueolóxicos e o telescopio na Casa da Ría e aproveitou a ocasión, segundo o BNG, para botarlle as culpas ao anterior goberno.
Por outra parte, os nacionalistas sosteñen que Daniel Vega e o seu equipo de goberno son "incapaces de explicar por que segue acumulando retrasos o comezo da reforma integral do Hospital Asilo. Xa van catro meses. Unha vez máis, o noso alcalde opta por botar balóns fóra culpando o anterior goberno de todos os males. Pero o tempo corre, e as obras seguen sen comezar".
Tamén din que a concreción da partida orzamentaria da Xunta para dedicar á reforma do Hospital asilo segue sen concretarse, polo que se reduce "a unha vaga promesa por parte do señor Vega".