Os martes e os xoves terán lugar as andainas ribadense Imos Andar
Os martes e os xoves a partir do 16 de novembro terán lugar polas mañás a actividade Imos Andar, que son andainas dunha hora abertas a quen queira camiñar, socializar e pasar un tempo ao aire libre.
Terán lugar os martes e os xoves ás 9:45 horas e trátase dunha actividade gratuíta dirixida a mulleres e homes de calquera idade que queiran divertirse, socializar e estar ao aire libre.
O único que teñen que facer as persoas interesadas é presentarse nas escaleiras da praza de abastos, ás nove e media da mañá, os martes e os xoves. As rutas arrincarán o 16 de novembro.
A promotora destas andainas, Teresa Díaz, explicou que “é un paseo os martes e outro os xoves, e facer o mesmo paseo durante toda unha estación. Empezaríamos agora o de inverno, que serán pola zona de Ove, que sempre queda algo máis protexida. Os martes sairemos desde a praza de abastos, por San Lázaro, ao chegar á piscina metémonos cara ao Camiño de Santiago pola Faxarda e pola Pega, seguimos polo barrio da Fonte e O Castelo, despois pasamos polo Campín dos Cochos e subiremos por encima do cemiterio de Ove. Despois cruzaremos a estrada de Santa Cruz, iremos por encima da Chousa ata os Chaos de Ove e volveremos pola estrada do Folgosa. Son 4´8 quilómetros, ten un pouco de desnivel ao subir en Ove, pero pouca cousa. Entendo que é totalmente asumible”.
Teresa Díaz engadiu que “os xoves sairemos tamén cara ao colexio público porque a entrada é ás nove e media, pero hai pequenos e pequenas que entran ás dez menos vinte, entón para que nos podían atopar sen chegar á praza de abastos saímos por San Lázaro e continuamos en dirección a Santa Cruz, pasamos a ponte da vía do tren e xa nos metemos por unha vía de servizo que hai xunto á circunvalación para ir ata a zona de Vilar, ir por cerca da autovía e volver pola Granxa, pola Casa do Óptico e outra vez á praza de abastos. Tamén son menos de cinco quilómetros”.
A promotora de Imos andar agarda que “sexan paseos que á xente lle apetezan facer para coidarse un pouco e que se estableza grupo, sería o ideal porque unha vez que se saiba o camiño non importa que xente vaia porque sempre irá xente que saiba a ruta de ir máis veces. Queremos que sexa unha actividade con ánimo de que poida continuar sola”.