As mariscadoras recibirán axudas directas ata que se recupere a actividade

O BNG acadou o apoio unánime do Parlamento á súa proposta para axudar aos mariscadores e as mariscadoras afectadas polos efectos das abundantes precipitacións rexistradas dende outubro e o descenso de produtividade nas rías e para abordar, da man do propio sector e das universidades, un plan de recuperación e rexeneración das rías galegas.
Unha proposta xa aprobada en comisión que a deputada Rosana Pérez levou a Pleno en forma de moción para asegurar o compromiso do Goberno da Xunta a presentar en sede parlamentar o cronograma e as partidas orzamentarias para, en primeiro lugar, “elaborar e poñer en marcha de xeito urxente e extraordinario un plan de cobertura económica e social para as traballadoras do mar afectados pola sucesión de condicións climatolóxicas adversas que se veñen producindo dende o mes de outubro”.
O BNG pedía concretar o plan no período dun mes, máis en aras do consenso, aceptou que fose “neste ano”, tal e como propuxo o PP nunha emenda. En todo o caso, o plan terá que incluír, cando menos, axudas directas desde o mes de outubro até que se recupere a actividade con normalidade, a creación dun seguro público de produción marisqueira que asegura unha produción mínima e garanta uns ingresos e unha renda digna aos traballadoras e traballadores do mar en inactividade.
Exención das cotas da Seguridade Social
No que se refire ás axudas, a deputada nacionalista advertiu que o aprobado vai moito máis alá do que a Consellería do Mar ten feito até o de agora. “Dende outubro, aprobaron axudas dun pago único de 550 euros por persoa, un pago único que ía destinado a 7.300 mariscadores e mariscadoras e acabou chegando unicamente a 3.911; unha partida total de 4 millóns de euros da que só dou chegaron aos afectados”, criticou.
Tamén se demandará ao Goberno do Estado a exención das cotas da Seguridade Social para as persoas afectadas ata que se recupere a actividade con normalidade. “Se fai falta hai que ir a Madrid con datos, con informes e, sobre todo, con máis vontade que a da confrontación, para tratar de conseguilo”, manifestou Rosana Pérez durante o debate da moción, no que advertiu que “a estratexia da queixa permanente e da política da propaganda e de facer que se fai, agora xa non vale”.
O plan de cobertura económica aprobado a proposta do BNG terá que incluír tamén a atención á situación económica das confrarías que se vexan afectadas por unha importante diminución de ingresos por mor da caída de produción. Ademais da cobertura social e económica, o cronograma e as partidas que o Goberno no PP terá que presentar á Cámara no prazo dun ano terá que incluír, como segundo punto, a elaboración, sen máis dilación, e de acordo co sector, os centros de investigación da Consellería do Mar e as universidades galegas, dun plan que permita comezar a recuperación e rexeneración das rías e a súa produtividade e “artellar os mecanismos necesarios para enfrontar as consecuencias que xa está a ter co cambio climático no comportamento e cantidade dos distintos recursos e na actividade pesqueira, mexilloeira e marisqueira de Galiza”.