Os maiores serán os protagonistas do museo de Trabada

TerraChaXa | AMariñaXa
Os maiores serán os protagonistas do museo de Trabada. Os maiores de 65 que desexen participar poden apuntarse no Concello
19 Dec 2020

Os maiores serán os protagonistas do museo de TrabadaO Concello de Trabada está a realizar un proxecto de musealización ao que vén de invitar a participar a todos os veciños e veciñas maiores de 65 anos para que conten as súas vivendas e deste xeito formar parte desta exposición a través de pequenos vídeos.

Xa hai un grupo de veciños que están a participar no proxecto e que xa fixeron as entrevistas e agora invitan ao resto a unirse para o que só será preciso chamar ao teléfono do Concello, 982 135 011.

O Concello de Trabada iniciou no 2017 o proxecto de musealización coa redacción do proxecto de rehabilitación do edificio das antigas escolas (285.714 euros). Despois de solicitar unha subvención ao Agader, que depende da Consellería do Medio Rural, a cal foi denegada, no 2018 solicitaron outra á Consellería de Medio Ambiente, a cal se tramitaba por orde de entrada, e por atoparse entre os primeiros proxectos presentados, obtiveron a subvención por importe de 272.000 euros.

As obras de rehabilitación remataron en marzo do 2019 e ese mismo ano e, con cargo ao Plan Único da Deputación, incluiuse o proxecto de urbanización do acceso ao centro etnográfico por importe de 46.350,47 euros que se executou neste ano. No 2020 solicitaron unha axuda á Consellería de Cultura por importe de 43.439 euros para levar a cabo o equipamento, dos cales lles concederon 29.972,91 euros e que acabaron de executar este mesmo mes.

Agora, segundo indica a alcaldesa, "estamos levando o cabo, con fondos propios, o proxecto museolóxico englobando o deseño expositivo e a selección das pezas, a realización de entrevistas aos veciños e veciñas de Trabada para exposición de microvideos ilustrando as formas de vida nos diferentes temas do centro, gravando, editando e producindo os vídeos, así como a aportación de imaxes para as proxeccións e para os murais por un importe de 17.771,27 euros".

"En definitiva, o camiño foi largo pero estamos a ver a luz, pois o feito de ser un proxecto que nace do pobo é a nosa maior satisfacción. Así ue agardamos que haxa máis veciñas e veciños que se animen a participar!", conclúe.

0.18185091018677