Os ingresos das lonxas pola venda de polbo multiplicanse por oito

AMariñaXa
Os ingresos das lonxas galegas pola venda de polbo desde o inicio da campaña multiplican por oito os obtidos o ano pasado.
El pulpo curiosidades polbo
18 Ago 2021

Os ingresos das lonxas galegas pola venda de polbo desde o inicio da campaña multiplican por oito os obtidos o ano pasado, así o analizou a conselleira do Mar, Rosa Quintana. As capturas rexistradas no conxunto de Galicia nos primeiros 40 días de actividade trala veda multiplican por máis de sete as obtidas no mesmo período do ano pasado mentres que os ingresos multiplican por oito os de 2020. Este mellor balance na facturación débese a que o prezo medio, de 9,3 euros o quilo, é o segundo máis alto da serie histórica só superado polos 10,6 euros o quilo de 2018.

A titular de Mar salientou que ata a semana pasada as lonxas galegas recibiron máis de 230 toneladas deste cefalópodo, un 3% máis que a media histórica, e ingresaron máis de 2,1 millóns de euros pola súa venda, un 63% por enriba da media da serie, que se remonta á campaña 2004-2005.

Rosa Quintana incidiu en que estes datos veñen a confirmar os bos presaxios de finais da campaña pasada, cando a información obtida polos profesionais do sector e polos técnicos da Consellería do Mar apuntaban a unha mellora do estado da especie tanto polo volume de capturas como polo recrutamento de xuvenís. Trátase dunha mellora do recurso á que tamén contribuíu a fixación, de acordo co sector, dunha veda de dous meses para a captura da especie, a máis longa dos últimos exercicios.

No caso da lonxa de Bueu, nas primeiras semanas de campaña comercializou máis de 4.500 quilos de polbo e facturou arredor de 40.000 euros pola súa venda. No caso das capturas, son cifras que roldan a media histórica e triplican as do ano pasado, mentres que os ingresos superan nun 30% a media rexistrada nos exercicios anteriores e cuadriplican os obtidos nas primeiras semanas de pesqueira posteriores á veda de 2020.

A titular de Mar lembrou que a campaña do polbo 2020-2021 foi anómala e que a evolución do polbo adoita ser cíclica. Nela, ademais da actividade pesqueira, inflúen outros factores como os medioambientais e os climatolóxicos, que poden provocar descensos puntuais nas capturas. Neste sentido, incidiu en que os datos obtidos ata agora e a abundancia de xuvenís que hai no mar, constatada tanto polo sector como polos técnicos da Consellería, debería garantir o desenvolvemento sustentable da pesqueira nos vindeiros meses.

Este encontro coa confraría de Bueu enmárcase no contacto permanente da Xunta co sector para avaliar as súas necesidades e analizar a evolución da súa actividade. No caso do polbo, as partes realizan un seguimento constante da súa situación a través da comisión de seguimento do plan de xestión da especie, no que analizan o seu estado e adoptan as medidas máis oportunas para o desenvolvemento sustentable da actividade, como é o caso da ampliación da veda aprobada este ano.

0.18762898445129