Os GES mobilízanse en Lugo para esixir que Xunta e deputacións asuman a xestión do servizo

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
A concentración de Lugo forma parte dun calendario de mobilizacións que comezou en Pontevedra no mes de xaneiro e que continuará noutras cidades como A Coruña, Ourense e Santiago
bombeiros ges lugo concentracion deputacion
24 Feb 2026

Efectivos dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES) procedentes de distintos puntos de Galicia concentráronse este martes diante do Pazo de San Marcos, coincidindo coa celebración do pleno ordinario da Deputación de Lugo, co obxectivo de reclamar condicións laborais dignas e que a Xunta e as deputacións asuman plenamente a responsabilidade sobre estes servizos.

A protesta, que xa é a segunda convocada na comunidade autónoma, contou co respaldo de organizacións sindicais como CSIF, CIG, CNT e CCOO. Arredor do mediodía, un amplo grupo de bombeiros ocupou a explanada fronte á sede provincial nunha mobilización de carácter pacífico, aínda que marcada por sinais visibles de protesta como o lanzamento de bengalas, petardos e botes de fume.

O presidente da Asociación dos GES de Galicia (Agesga), Julio Ribero, foi o encargado de dar lectura ao manifesto no que se recollen as principais reivindicacións do colectivo. Durante o acto, os participantes tamén realizaron unha homenaxe aos compañeiros falecidos, axeonllándose en sinal de respecto.

Os profesionais dos GES insisten en que desenvolven as mesmas funcións que os bombeiros integrados nos consorcios provinciais, dado que estes grupos foron concibidos como unha prolongación dos mesmos. Segundo denuncian, interveñen en todo tipo de situacións de risco sen contar co recoñecemento nin coas condicións laborais equiparables. Neste sentido, sinalan a existencia dun “fraude á Seguridade Social”, ao estaren encadrados nunha categoría profesional que non se corresponde coas tarefas que desempeñan, o que lles impide, entre outras cuestións, acceder á xubilación anticipada mediante coeficientes redutores como o resto do colectivo de bombeiros.

Os GES naceron dun acordo tripartito entre Xunta, deputacións e concellos, mais, segundo Ribero, non todas as administracións locais están a cumprir co pactado. Como exemplo, citou o caso de Sanxenxo, onde se reduciron quendas para axustarse aos mínimos legais; o de Ferrol, onde, segundo explicou, se puxo en risco a seguridade dos efectivos por falta de persoal suficiente para cubrir os servizos; ou o de Cervo, onde o grupo foi pechado, deixando a comarca sen cobertura directa e recolocando os traballadores noutros departamentos.

Ante esta situación, o colectivo demanda a apertura inmediata dunha mesa de negociación que permita superar o que cualifican como unha situación “en paliativos” e reclama que a Xunta e as deputacións asuman as competencias e a xestión integral dos servizos.

Na actualidade, Galicia conta con 30 grupos de emerxencias, varios deles con prazas vacantes. Ribero atribúe esta circunstancia á marcha de profesionais cara a outros empregos debido ás condicións laborais que arrastran desde hai máis dunha década e á falta de reposición de efectivos.

A concentración de Lugo forma parte dun calendario de mobilizacións que comezou en Pontevedra no mes de xaneiro e que continuará noutras cidades como A Coruña, Ourense e Santiago. O presidente de Agesga advertiu ademais que, de non producirse avances, o seguinte paso podería ser a convocatoria dunha folga.

A DEPUTACIÓN ÚNESE ÁS DEMANDAS DOS GES

A Deputación comprométese co persoal do Grupo de Emerxencias Supramunicipais (GES) e defenderá a prestación do servizo en Cervo, pechado desde finais do 2024 tras a decisión unilateral do Concello. Así o acordou o Pleno Ordinario celebradOo no Pazo de San Marcos tras unha moción de urxencia presentada de forma conxunta polos partidos de Goberno para elevar unha instancia, a petición dos traballadores, para que Xunta, FEGAMP e Deputacións convoquen a Comisión de Seguimento do convenio dos GES, co fin de avaliar o funcionamento do servizo neste municipio.

Esta iniciativa saíu adiante por unanimidade, cos votos favorables de todos os grupos que conforman a Corporación provincial: PSdeG, BNG, o Deputado non adscrito e o PP.

Pilar García Porto, expuxo como Voceira socialista do Goberno que actualmente existen na provincia cinco Grupos de Emerxencias Supramunicipais nos concellos de Friol, A Pontenova, Quiroga, Folgoso do Courel e Monterroso, que continúan prestando servizo. Asegurou que “nos últimos anos, a rede de GES sufriu cambios e dificultades”, e que se trata dun servizo público esencial no sistema de atención ás emerxencias, especialmente en territorios rurais e con alta dispersión da poboación.

Tras manter unha reunión cos representantes do persoal do GES, o Goberno de Carmela López acordou con eles preparar unha moción de urxencia para tratar de atopar unha solución que garanta un servizo eficiente na provincia.

“Os profesionais do GES desenvolven unha labor esencial no apoio e intervención ante incidencias e emerxencias no territorio, en coordinación co resto de servizos”, asegurou García Porto. Relatou que o caso máis grave da provincia é o de Cervo, onde o este grupo está pechado. “Unha situación singular que debe abordarse de maneira inmediata ao tratarse dun servizo que pode ser recuperado, tendo en conta que os seus efectivos continúan vinculados ao Concello”, argumentou.

A Voceira socialista subliñou que resulta necesario analizar as condicións para a súa reapertura e reforzar a capacidade de resposta ante emerxencias na comarca da Mariña.

O texto, que prepararon de forma conxunta o PSdeG e o BNG, esixe que, ademais da convocatoria do órgano de control con carácter de urxencia; no marco da comisión, se aborde de maneira específica o peche do GES de Cervo, definindo as medidas necesarias para proceder a súa reapertura e garantir a cobertura efectiva da comarca da Mariña; e instar as administracións asistentes a adoptar as medidas necesarias para garantir un servizo de emerxencia eficaz, coordinado e adaptado ás necesidades reais do territorio.

0.076918840408325