Os Galp intensifican a súa colaboración para facer fronte ao relevo xeracional

AMariñaXa
A Consellería do Mar aprobou catro solicitudes de axudas para proxectos de cooperación entre os grupos de acción local
galpa relevo xeracional
18 Xul 2021

A Consellería do Mar aprobou este ano axudas por valor de máis de 350.000 euros para catro proxectos de cooperación dos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) que buscan dinamizar as zonas costeiras de Galicia e afrontar algúns dos seus principais retos como é a remuda xeracional. Con estas iniciativas a comunidade intensifica a colaboración entre os GALP, que desde 2016 permitiu aprobar 14 proxectos por un importe total de máis de 1,3 millóns de euros cofinanciados co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.

Estas cifras aparecen recollidas nun informe que analizou o Consello da Xunta sobre a resolución da convocatoria de 2021 destas achegas a proxectos de cooperación interterritoriais e transnacionais dos GALP coas que o Executivo galego promove as sinerxías entre estas entidades do sector. Este intercambio de ideas e de coñecementos contribúe a optimizar o deseño das súas estratexias de desenvolvemento local participativo no litoral de Galicia.

Os catro proxectos aprobados na convocatoria de 2021 destas axudas son Remuda xeracional II, Bitácoras do mar, Rimartes e Un Mar en común e desenvolveranse todos entre este ano e o próximo coa participación de varios grupos de acción local do sector pesqueiro.  

O proxecto Remuda xeracional II: acercamento do sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola aos centros de ensino para a remuda xeracional está promovido por seis GALP entre os que o GALP ría de Arousa actúa de coordinador. A el súmanse o GALP A Mariña-Ortegal, o GALP Golfo Ártabro Norte, o GALP Ría de Pontevedra, o GALP Ría de Vigo-A Guarda e o GALP Golfo Ártabro Sur. Conta cunha achega de 86.000 euros e a súa actividade centrarase en dar a coñecer as posibilidades que ofrece o sector pesqueiro ao alumnado dos centros de ensino para promover a remuda xeracional. 

A iniciativa Bitácoras do Mar: repercusión do papel dos GALP nas zonas costeiras de Galicia. Un antes e un despois conta cun apoio de preto de 88.000 euros e está impulsada por cinco GALP. A coordinación corre a cargo do GALP Golfo Ártabro Norte e participan nel tamén o GALP Seo de Fisterra Ría de Muros e Noia Costa Sostible, o GALP Ría de Arousa, o GALP Ría de Pontevedra e o GALP Golfo Ártabro Sur. Esta acción pretende poñer en valor os resultados do traballo dos GALP no reforzo da gobernanza das zonas costeiras e recoller as leccións aprendidas e as boas prácticas dado o seu impacto na economía azul.

A terceira solicitude aceptada é Rimartes: Riquezas do mar. Tesouros do profundo ca que tres grupos de acción local pretenden impulsar a competitividade turística das súas zonas de influencia  poñendo en valor a cultura e o patrimonio material e inmaterial mariñeiro empregando como fío condutor os naufraxios, o patrimonio cultural somerxido e a gastronomía. Nesta iniciativa, que conta cunha achega de máis de 145.000 euros, participan o GALP Seo de Fisterra Ría de Muros e Noia Costa Sostible, que actúa de coordinador, o GALP Costa da Morte e o GALP Golfo Ártabro Sur.

O último dos proxectos aprobados é Un mar en común. A afouteza da xente do mar, no que participan catro GALP. O GALP Ría de Pontevedra é o coordinador da iniciativa e participan nela o GALP A Mariña-Ortegal, o GALP Golfo Ártabro Norte e o GALP Golfo Ártabro Sur. Cun apoio de algo máis de 31.000 euros, estes grupos buscan reforzar a participación das entidades asociativas do litoral, especialmente as do sector pesqueiro, nos propios GALP e mellorar tanto a súa visibilidade como a súa estrutura. 

Estes novos proxectos permiten a Galicia avanzar nun modelo de cooperación e colaboración entre GALP que xa foi recoñecido como exemplo de boas prácticas pola Rede Europea de Zonas de Pesca Farnet, constituída por grupos de acción local, autoridades de xestión, cidadáns e expertos de toda a Unión Europea.

Os GALP

Os grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) dan continuidade ao traballo desenvolvido polos antigos grupos de acción costeira (GAC) e son asociacións sen ánimo de lucro colaboradoras da Consellería do Mar como axentes de desenvolvemento na aplicación da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo da zona pesqueira e na xestión e control das axudas que se tramitan para o desenvolvemento desa estratexia.

A actividade dos oito grupos que hai en Galicia dentro do programa operativo do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca contribúe a mellorar a transformación, comercialización e posta en valor das producións pesqueiras, ao desenvolvemento dun sector turístico sustentable, á creación de empresas e á xeración de emprego e á diversificación do sector a través de iniciativas complementarias da actividade pesqueira como o turismo mariñeiro. Tamén contribúe á conservación e valorización do patrimonio natural e cultural marítimo-pesqueiro.

0.19889092445374