Os galegos están chamados a unha manifestación "contra a depredación eólica"

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Coordinadora Eólica Así Non convoca o pobo galego a participar nunha nova mobilización en Santiago de Compostela, o vindeiro 23 de abril
manifestacion eolica santiago portada
27 Mar 2023

Coincidindo coa data límite establecida pola normativa vixente para outorgar autorización previa aos proxectos eólicos promovidos en Galiza con declaración de impacto ambiental favorábel, a Coordinadora Eólica Así Non convoca o pobo galego a participar nunha nova mobilización masiva en Santiago de Compostela, o vindeiro 23 de abril. Esta mobilización chama aos galegos e galegas, ás plataformas de veciños e veciñas afectadas e a todo tipo de colectivos e entidades críticas co actual modelo "depredador da enerxía eólica" a rodear o edificio de San Caetano da Xunta de Galicia, en Santiago de Compostela, para manifestar a súa repulsa aos 77 proxectos eólicos con declaración de impacto ambiental positiva, cuxa aprobación podería ser inminente.

Baixo o lema Rodeamos a Xunta. Non á depredación macro-eólica especulativa, a mobilización pretende esixir ao executivo galego que denegue as autorizacións das ducias de macroparques eólicos aos que a Consellaría de Medio Ambiente xa outorgou permiso ambiental o pasado mes de xaneiro. Estes 77 parques eólicos teñen de prazo límite ata o 25 de abril para poder acadar autorización previa administrativa por parte da Xunta.

A mobilización do 23 de abril tamén demandará a inmediata paralización duns 150 expedientes eólicos que a Xunta de Galiza aínda mantén en tramitación. "Desde a Coordinadora Eólica Así Non levamos máis de dous anos reclamando unha nova planificación pública, ordenada e ao servizo do pobo, demandando unha moratoria, pero agora a paralización de todos os proxectos é máis necesaria que nunca. Cómpre restituír os dereitos de participación pública usurpados polas leis de depredación e simplificación que os gobernos galego e español teñen aprobado por vías exprés e antidemocráticas. E calquera desenvolvemento racional da enerxía eólica no país debe pasar antes polo debido cumprimento do imperativo legal de ampliar a Rede Natura galega e de preservar con garantías os hábitats e ecosistemas que son prioritarios para afrontármonos ao reto climático", din.

A Coordinadora Eólica Así Non, conformada por máis de 200 colectivos galegos do eido ecoloxista, sindical, cultural, veciñal e comunidades de montes, advirte das "dramáticas consecuencias" que tería para o conxunto do país a aprobación desta enxurrada de máis de 75 macroproxectos eólicos, "constituíndo en si mesma unha auténtica catástrofe ambiental e social sen precedentes, na que en especial o medio ambiente e o rural galegos ficarían dilapidados para sempre e en mans de multinacionais destrutoras do territorio. Os galegos e galegas non podemos nin debemos tolerar este asalto a cara descuberta das grandes multinacionais especuladoras da enerxía, nin gobernos que, para favorecelas, poñen en risco o futuro de todo un país”.

manifestacion eolica santiago

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17270112037659