Os Espigueiros de Barreiros: “O que esquece a súa historia perde as súas raíces”

AMariñaXa
O grupo ribadense Kornucopia ten os seus inicios durante o 2021 e son Un grupo de amigos con ganas de compartir as súas inquedanzas
seminario estudos espigueiros barreiros 2023
24 Sep 2023

O colectivo veciñal Os Espigueiros, natural de San Miguel de Reinante, foi formado polo seu desexo de recuperar a memoria histórica do pobo á vez que o de dinamizar a vida da veciñanza.

Por Ana Somoza López.

Cando e como nace Os Espigueiros?

Pois a verdade o nacemento deste grupo foi despois dunha exposición fotográfica realizada no ano 2008 con motivo do centenario da Asociación de Instrucción e Recreo Hijos de San Miguel y Reinante. Nela había moito material e unha certa curiosidade. Máis tarde creei nas redes sociais o grupo Historias de San Miguel, nunca pensei que puidera ter tanta repercusión xa que comezaron a aparecer fotografías inéditas, recortes … Así que 2013 convoquei a quen ben quixera vir para tratar de organizar unha actividade orientada a coñecer máis o noso pasado. O que está claro é que o que mellor coñecemos, máis o valoramos e mellor o saberemos defender.

Por que ese nome tan curioso?

Non é tan curioso a verdade. Así nos coñecían aos sanmiguelenses na zona. Antigamente na época da fame as familias máis humildes do pobo recollían espigas de trigo e levábanas a vender ao mercado de Ribadeo para poder subsistir, eran épocas de moita escaseza. Co tempo deixaron de recoller espigas e pasaron a recoller piñas nos montes que lles deixaban. Eles recollían piñas e agora nós recollemos retallos de historia de San Miguel.

Por que ou con que motivación xorde?

Sen dúbida coa de poñer en valor o noso pasado, dalo a coñecer e que non se esqueza. Aquelo que se coñece ben é valorado, e por tanto será protexido. É moi importante saber de onde vimos para entender quen somos pois o que esquece a súa historia perde as súas raíces.

Que obxectivos teñen?

O noso maior obxectivo é a recuperación do pasado común e actividades de divulgación.

 “Eles recollían piñas e agora nós recollemos retallos de historia de San Miguel”

Quen a conforma?

Somos 12 directivos nun inicio catro dedicámonos a dar forma ao libro, os demais son o noso apoio loxístico incondicional, aportan ideas, traballo, enerxía… sen eles non se faría nin a metade do que levamos feito, sempre suman, son a base do equipo. Iso sí, as decisións importantes sempre as tomamos unidos, convocamos reunións periódicas en función das necesidades, se é algo puntual e sinxelo debátese no WhatsApp.

Teñen apoio institucional ou dalgunha entidade?

Apoio, apoio… pois recibimos axuda en ocasións de mans do Concello pero despois da pandemia a verdade centramos as actividades espigueiras no libro.

E doutras asociacións e colectivos?

Para nós o lema é “todo suma”. Hai asociacións que son coma irmáns ás que acodes con total confianza coma O Arco da Vella, Iberia ou Ollomao cando tes algunha necesidade. Colaboramos varias veces con Mariña Patrimonio e temos boa relación coa Irmandade de Augas Santas. Se alguén nos precisa, aquí estamos… o importante é sumar axuda a medrar e atopar novos lazos.

Que iniciativas propoñen?

Todo ao que a divulgación da nosa historia se refire. Propuxemos hai tempo a creación da senda ao longo do río, deunos moito que facer a verdade e hoxe en día mantense grazas a axuda do Concello.

Fan actividades ao longo do ano?

Como xa dixen estamos moi parados. Antes da pandemia a actividade foi intensa a parte de realizar artigos periódicos sobre a nosa historia que as veces requirían facer entrevistas con xente do pobo, organizamos parladoiros cos nosos maiores aos que viñeron diversos poñentes, rutas polo pobo que tiveron moi boa aceptación sobre todo porque os propios guías eran os veciños, etc.

Que lle piden ao goberno local?

Pois a verdade as veces que lles pedimos axuda sempre nola concederon ben sexa para desbroces, como para organizar actividades, etc. Como se eles nos piden axuda, non faltaría!.

Que accións futuras teñen en mente poñer en marcha?

Pois de momento trala publicación do libro non falamos aínda, si que é posible que volvamos retomar as investigacións pero isto coma sempre hai que decidilo entre todos.

Estas iniciativas teñen boa aceptación entre os veciños?

Pois a verdade non podemos queixarnos. Unhas actividades foron máis interesantes que outras para a xente pero supoño que coma todo na vida.

Recentemente publicaron o libro Historia de San Miguel. De que trata?

Pois de diversas historias, dende o que se sabe do Castro de San Miguel, os pazos do pobo, as capela e a igrexa, como dos antigos bailes e comercios, a sociedade gandeira do pobo, a emigración a Cuba…

Canto tardaron?

A asociación comezou a moverse no ano 2013 como grupo de veciños e nese momento comezamos a investigar e buscar axuda e colaboración tanto de expertos en determinados ámbitos da historia como dos propios veciños, amosa maior hemeroteca.

Algo máis que queiran engadir?

Pois quixera anunciar que… xa acabamos os 300 exemplares editados, só repartimos as reservas feitas ata existencias, aqueles que desexen facerse cun exemplar por favor, poñédemos en contacto con calquera membro da asociación porque estamos valorando volver a editalo se hai moita demanda.

seminario estudos espigueiros barreiros 2023 1

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18547391891479