Os Encontros de Xoves de Lúa Chea volven ao Campus Terra

AMariñaXa
Os Encontros de Xoves de Lúa Chea volven ao Campus Terra cun debate protagonizado por mulleres emprendedoras no rural
dia da muller rural lugo EPS USC
13 Oct 2021

Os Encontros de Xoves de Lúa Chea, un programa de debate sobre cuestións de actualidade organizado polo colectivo universitario Proxéctate en Galego recuperan este xoves 14 de outubro, a partir das 12.00 horas, no salón de actos da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, os seus debates informais no Campus Terra da USC cunha sesión conmemorativa do Día da Muller Rural, efeméride que se celebra o 15 de outubro, na que intervirán como relatoras tres mulleres emprendedoras no medio rural.

A xornada, que se desenvolve baixo o título ‘Arredor de si. Día da Muller Rural’, permitirá ao público asistente coñecer de primeira man os testemuños de tres iniciativas produtivas innovadoras no medio rural. Así, Ana Corredoira, de Gandería A Cernada, que produce lácteos ecolóxicos, explicará o labor que desenvolve desde Palas de Rei. Así mesmo, Tania Sánchez, dará conta da actividade da Cooperativa Outonía, que deseña e desenvolve proxectos de educación ambiental e desenvolvemento comunitario centrados no ámbito rural. A terceira das relatoras convidadas a este foro, Érika Martínez, da consultoría ambiental Foresin, centrará a súa intervención no cometido desta iniciativa empresarial orientada ao aproveitamento e posta en valor da resina como recurso forestal dos montes galegos.

Os relatos destas tres emprendoras, ligadas tanto a sectores tradicionais como o gandeiro e o forestal, e tamén ao sector terciario, a través dunha iniciativa que fornece servizos e intervencións que fomentan e favorecen a calidade de vida no medio rural, servirá para coñecer as razóns das súas respectivas apostas polo rural como proxecto de vida, así como as súas visións do futuro desde unha perspectiva feminina.

DÍA DA MULLER RURAL

O día 15 de outubro, a ONU conmemora o Día Internacional das Mulleres Rurais, un colectivo que é case a metade da forza laboral agrícola en moitos países do mundo, pero que padece aínda graves discriminacións no referente ao recoñecemento legal do seu traballo, á súa remuneración, ou ao acceso á propiedade dos medios de produción, por citar algunhas das máis evidentes. 

Ante esta situación e conscientes da necesidade de cambios, dado que o futuro do rural escríbese en feminino, desde o colectivo Proxéctate en Galego propón esta sesión de debate informal para afondar un pouco máis na realidade da muller e do medio rural.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17775893211365