Os da Xunqueira, un novo impulso para o barrio e a súa vida social

Por Ana Somoza.
O barrio da Xunqueira, en Viveiro, acolle desde setembro do ano pasado unha nova aposta asociativa: a creación da Asociación Os da Xunqueira. Tal como explica a súa presidenta, Alicia García, “a anterior comisión de festas anunciaba que non ía organizar máis as actividades e todos nós, a nivel individual, xa tiñamos en mente a posibilidade de asumir o seu posto”. Foi nun día das festas, entre risas e emoción, cando os seis membros fundadores se atoparon no campo da Xunqueira e, lembra García, “bastou con que un de nós dixera ‘e si nos metemos á comisión?’ para de repente vernos encima do palco con todos os veciños aplaudíndonos”. Aquela xornada de convivencia marcou o inicio dun proxecto que ía máis aló de organizar unha festa.
O vicepresidente, Juan Berdeal, engade que “á semana seguinte reunímonos coa proposta de ser a nova Comisión de Festas de Xunqueira. Pero co paso das semanas e coas incontables reunións que tivemos, decidimos que queremos ser máis que iso!”. A idea de transformar a antiga comisión nunha asociación con actividades ao longo de todo o ano foi gañando forza a medida que o grupo compartía experiencias e proxectos.
ACTIVIDADES. A Asociación Os da Xunqueira nace co obxectivo de dinamizar o barrio e poñer en valor a súa contorna, especialmente o espazo á beira do río, que consideran “impresionante” e que queren que a veciñanza desfrute plenamente. Alicia García afirma que “de momento é cedo para falar de grandes proxectos, este ano estamos iniciándonos na actividade asociativa e estamos descubrindo pouco a pouco como funciona todo”.
Entre as primeiras propostas destaca unha actividade cultural relacionada coa música, pensada para o verán. “Estamos en contacto con artistas e co Concello para asegurar que saia adiante. Creemos que será un empuxón para a vida social e musical do pobo”, explica Juan Berdeal. A elaboración das festas segue a ser outro dos retos centrais da asociación. Segundo a secretaria, Raquel Vizoso, “moitas reunións e postas en común” son necesarias para preparar un evento deste calibre, especialmente cando partían de cero. “O principal problema ao iniciar a asociación é a falta de presuposto. Queremos chegar a setembro coa tranquilidade de organizar as festas que o pobo merece. Para iso é necesario pensar en iniciativas que nos axuden a ir xerando un remanente”, engade.
Ademais, a asociación traballa en propostas que combinen cultura, lecer e identidade local. “A nosa intención é que a Xunqueira non esqueza a sorte que temos de vivir aquí e que a xente se implique nas actividades”, comenta Ánxel Vizoso, tesoureiro, destacando a importancia de crear momentos de encontro e participación que fagan do barrio un lugar activo e dinámico ao longo do ano.

FINANCIAMENTO. Para poder manter as súas actividades e dar continuidade ao proxecto, Os da Xunqueira recorre a sorteos, rifas e colaboracións locais. Como explica Javier Moreno, vogal, “a nosa maneira de financiamento por agora non é outra que as iniciativas que plantexamos, todas elas moi ben acollidas”.
A presidenta concreta algúns exemplos: “Rematamos practicamente toda a lotería de Nadal que tiñamos. Lanzamos os Almanaques da Xunqueira, con fotos do pasado do barrio, pensando que non ían triunfar e finalmente vendimos moitos máis dos que imaxinábamos. Agora estamos coas cestas de San Valentín e de Entroido, e a venda de papeletas está a ser un éxito”.
Óscar Sánchez, tamén vogal, destaca que estas iniciativas non só axudan a recadar fondos, senón que “permiten implicar á veciñanza e manter un vínculo entre a asociación e os veciños. Sen ese apoio, moitas ideas serían imposibles de levar a cabo”. Á medida que a asociación medra, tamén xorden novas ideas para actividades que combinen recadación e diversión, aínda que todos coincidían en que “tempo ao tempo”, pois a prioridade é consolidar o que xa está en marcha.
VECIÑANZA. O papel da veciñanza na consolidación da asociación é central. A secretaria, Raquel Vizoso, apunta que “os veciños acolléronnos dunha maneira moi positiva! Recibimos moitas mensaxes de agradecemento e animándonos a seguir adiante co proxecto. Na Xunqueira somos caras coñecidas e os veciños e negocios confían en nós”. Para Ánxel Vizoso, “ao final, sempre é agradable ver como as novas xeracións toman o relevo neste tipo de actividades. Iso dá esperanza e continuidade ao movemento asociativo do barrio”. Alicia García engade que a confianza da veciñanza permite á asociación planificar con certa tranquilidade, e mesmo recibir colaboración desinteresada de negocios e comercios locais. “Sen dúbida a axuda que nos dan os negocios de Xunqueira e arredores é un dos momentos máis especiais que vivimos ata agora. Todos se ofrecen a axudarnos e iso fainos manter a ilusión”, subliña.
A implicación veciñal non se limita ao apoio económico. Os da Xunqueira valoran tamén a participación activa en actividades e proxectos, e destacan a importancia de que a cidadanía se sinta parte do proceso. Como comenta Juan Berdeal, “a veciñanza é o motor de todo. Sen eles, as iniciativas quedarían no papel”.
RETOS E BUROCRACIA. A asociación tamén se enfronta a obstáculos propios do contexto social actual. Segundo explica Alicia García, “o noso maior reto por agora son os trámites burocráticos, que nos obrigan a atrasar e pospoñer ideas. E, por suposto, a gran cantidade de Asociacións e Comisións que existen na contorna do Concello”.
Raquel Vizoso engade que, nun escenario con tantas propostas de recadación e festas, “é fundamental o apoio da veciñanza. Por iso valoramos un montón todo o que recibimos. Cada mensaxe de ánimo, cada participación, conta e reforza o proxecto”.
Ánxel Vizoso tamén reflexiona sobre a importancia de aprender a manexar os recursos e o tempo, e recalca que “o traballo nunha asociación non é só organizar festas. Hai que planificar actividades, xestionar recursos, coordinar persoas e cumprir con obrigas legais. Todo iso tamén forma parte do noso día a día”.
FUTURO E PROXECTOS. A mirada de Os da Xunqueira está posta no futuro. Este ano, 2026, centrarán os seus esforzos na actividade musical do verán e na organización das festas de setembro. “Non podemos aventurarnos a moito máis xa que o tempo é limitado, pero queremos que cada proposta teña calidade e sentido para a veciñanza”, explica Juan Berdeal.
Alicia García detalla que, para o ano que ven, se todo sae como previsto, contemplan abrirse a novas iniciativas culturais: “Valorando o éxito dos proxectos, gustaríanos xirar cara un lado máis cultural e organizar outro tipo de eventos ou iniciativas. Quizais deportes na Xunqueira ou días temáticos. Pero aínda é cedo para falar diso”.
Raquel Vizoso engade que a asociación tamén quere continuar reforzando os lazos comunitarios e implicar a máis xente nova: “O movemento asociativo é fundamental para a vida social de Viveiro. Nós tiñamos claro que este era o noso momento, o de darlle un aire novo ao barrio. Da moito traballo, pero dá máis satisfacción! Por iso animamos a toda a xente nova do pobo a que participe, tanto economicamente como socialmente, nas iniciativas das asociacións, xa que detrás delas hai un grupo de persoas traballando intensamente para poder ofrecelas”.
Óscar Sánchez conclúe lembrando que a esencia de Os da Xunqueira é “manter viva a vida social, crear espazos de convivencia e fortalecer o orgullo polo noso barrio. Queremos que todos se sintan parte, que o barrio sexa dinámico e que a Xunqueira sexa un lugar onde sempre haxa actividades e ilusión”.
O PULSO DA XUNQUEIRA. Deste xeito, a Asociación Os da Xunqueira consolídase como un exemplo de iniciativa veciñal e dinamización cultural. Coas festas como eixo central, pero con proxectos que abranguen cultura, música e participación comunitaria, a asociación amosa que é posible combinar tradición e modernidade. Tal como sinalan os seus membros, “o importante é crear momentos de encontro, ilusionar á xente e ofrecer algo que todos poidamos gozar”.
Ao longo destes meses, Os da Xunqueira demostrou que un grupo pequeno, pero comprometido, pode ter un impacto significativo na vida do barrio. Entre o traballo burocrático, a organización de actividades e a coordinación cos veciños, Alicia García afirma que “cada sorriso, cada aplauso, cada participación, paga máis que todo o esforzo que facemos”.
A mirada está posta xa en setembro e no verán que se achega, con proxectos musicais e sociais que reforzarán o sentido de comunidade. Como sintetiza Juan Berdeal, “queremos que a Xunqueira non só celebre as festas, senón que viva o barrio ao longo de todo o ano. Ese é o noso verdadeiro obxectivo”.