Os concellos lucenses percibirán este ano 688.800 euros para accións de fomento a igualdade

TerraChaXa | AMariñaXa
Os concellos da provincia de Lugo percibirán este ano axudas da Secretaría Xeral da Igualdade por un importe de 688.
30 Xuño 2019

Os concellos da provincia de Lugo percibirán este ano axudas da Secretaría Xeral da Igualdade por un importe de 688.800 euros para levar a cabo distintas accións de fomento da igualdade.
As axudas benefician a 44 municipios da provincia, tanto para proxectos individuais como de xestión compartida. Están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo e destinaranse a financiar iniciativas en catro liñas de actuación. Este ano incorpórase como novidade o programa de sensibilización, información e difusión sobre igualdade e prevención da violencia contra as mulleres financiado con fondos procedentes do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Ademais, a través destas axudas desenvólvense iniciativas de prevención e tratamento integral da violencia de xénero, de fomento da conciliación e de apoio aos Centros de Información ás Mulleres (CIM).
O programa con maior dotación orzamentaria é o que se destina ao funcionamento dos CIM, cuxa contía ascende na provincia de Lugo a 492.180 euros, que se distribúen en 11 centros situados en Burela, Palas de Rei, Sarria, Monforte de Lemos, Chantada, Ribadeo, Mondoñedo, Quiroga, Lugo, Viveiro e Vilalba. Salvo os tres últimos, os demais están agrupados con outros municipios da contorna, polo que en total os concellos beneficiados ascenden a 36.
Estas achegas diríxense a financiar os custos do persoal que traballa nestes centros, en concreto os postos de dirección, asesoramento xurídico, atención psicolóxica, axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero. No caso da provincia de Lugo, as axudas concedidas contribuirán ao mantemento de 28 postos de traballo.
Por outra banda, a liña de fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar contará con 107.800 euros para financiar accións en 11 concellos: Mondoñedo,  Outeiro de Rei, Guitiriz, Xove, O Valadouro, Sober, Palas de Rei, Alfoz, Rábade, Xermade e Ourol.
En canto ás accións de sensibilización, información e difusión sobre igualdade e prevención da violencia contra as mulleres, contarán con axuda 15 entidades locais da provincia por un importe global de 76.580 euros. Os concellos beneficiarios son Chantada, Viveiro, Palas de Rei, Monforte de Lemos, Alfoz, Mondoñedo, Pol, Triacastela, Guitiriz, Outeiro de Rei, Ribadeo, Xermade, Quiroga, Xove e Trabada.
Por último, na liña de promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero a contía das subvencións é de 12.300 euros que chegarán a tres concellos: Guitiriz, Monforte de Lemos e Xove. Ao abeiro desta liña, fináncianse accións de intervención de carácter integral coas mulleres que sofren este tipo de violencia, os seus fillos e fillas e as súas persoas dependentes; así como actuacións dirixidas á loita contra a explotación sexual e a prostitución.

0.15111804008484