Os concellos da Mariña coordinan coa área sanitaria a atención de verán

AMariñaXa
Viveiro, Cervo, Xove e O Vicedo buscan garantir unha asistencia axeitada durante a tempada estival, malia a escaseza de profesionais
Foto-reunion-sanidade-alcaldes-vicedo-xove-cervo-viveiro-2025
4 Jul 2025

Os alcaldes e alcaldesas de Viveiro, Cervo, Xove e O Vicedo mantiveron un encontro de traballo co xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares, co obxectivo de abordar conxuntamente a situación da atención sanitaria nos seus municipios durante os meses de verán. Nun contexto complexo marcado pola falla de profesionais dispoñibles, a prioridade compartida é asegurar a mellor cobertura posible para a veciñanza.

Durante a reunión, Ares explicou as medidas que se están a poñer en marcha para afrontar o verán, período no que aumenta a poboación estacional e tamén se incrementan as necesidades asistenciais. O xerente trasladou o compromiso da área sanitaria de cubrir o maior número de baixas e vacacións posibles, mediante a activación de todos os mecanismos dispoñibles: intersubstitucións entre facultativos, ampliacións de xornada e reorganización interna dos recursos.

No caso do centro de saúde de Viveiro, as autoridades sanitarias lembran que se intentan cubrir todas as ausencias cando hai profesionais dispoñibles e que as prazas vacantes están incluídas no concurso de méritos para a súa provisión definitiva.

En Cervo, tanto o consultorio como o servizo de Atención Primaria de San Cibrao manterán a súa actividade habitual, sen suspensións nin recortes, segundo se comunicou aos responsables municipais. Ademais, prevese reforzar a asistencia no centro de San Cibrao, dada a elevada afluencia de visitantes durante o verán.

En Xove, o centro de saúde conta cun facultativo e unha praza que segue pendente de cubrir, aínda que se está a substituír cando hai dispoñibilidade. Pola súa parte, no Vicedo manterase a atención prestada ata o de agora, con presenza médica asegurada para a súa poboación.

A falta de especialistas en determinadas áreas continúa a ser un dos principais obstáculos, o que obriga a facer unha reorganización temporal do cadro asistencial. A pesar desta dificultade, desde a área sanitaria e os concellos salientan o esforzo colectivo que está a permitir manter unha atención digna e eficaz, e agradeceron expresamente o compromiso dos profesionais sanitarios da Mariña.

A área sanitaria comprométese a seguir traballando en estreita colaboración cos concellos mariñaos para adaptarse aos retos da tempada estival e garantir a resposta máis axeitada para a cidadanía.

⚙ Configurar cookies
0.11145114898682