Os centros educativos de Viveiro descubren o Camiño do Mar
O Concello de Viveiro, a través da concellería de Educación, continúa este ano o proxecto Descubrindo o Camiño do Mar, iniciado en 2021.
Esta iniciativa ten por obxectivo promocionar, difundir e poñer en valor o Camiño do Mar entre a comunidade educativa do noso municipio. No curso anterior, o programa dirixiuse aos cursos de 1º e 2º de primaria de todos os centros educativos. Este ano, dáselle continuidade ao proxecto dirixíndoo, nesta ocasión, ao alumnado de 4º, 5º e 6º de Primaria de todos os colexios e 1º e 2º da ESO do IES Vilar Ponte e IES María Sarmiento.
A actividade consiste en organizar camiñadas con cada un dos grupos participantes, adaptadas á idade de cada un deles. Ademais de dar a coñecer o Camiño do Mar, esta actividade serve para promover a sensibilización e concienciación ambiental e cultural da comunidade educativa, así como a promoción da conservación do patrimonio material, natural e inmaterial.
No paseo polo Camiño do Mar, as nenas e nenos traballan aspectos como a importancia da biodiversidade do noso entorno, a necesidade do seu coidado e de manter as contornas naturais limpas, así como o coñecemento e a posta en valor da contorna, tratando, entre outros aspectos, a reciclaxe ou a contaminación.
Estas camiñadas empezaron esta semana e prolongaránse ao longo dos vindeiros días. Para os centros educativos de Viveiro, o percorrido faise dende o barrio de Pénjamo, onde se atopaba o Hospital de San Lázaro, ata a Ponte da Misericordia. No caso do colexio de Celeiro, a camiñada fase seguindo o trazado do Camiño do Mar ao seu paso por Celeiro, partindo de Santa Ana.