Os Cacholeiros do Valadouro celebran o seu XXIII Xantar do Cocido en Ferreira

A asociación gastronómica Os Cacholeiros do Valadouro celebrou o pasado sábado o seu XXIII Xantar do Cocido, unha cita xa consolidada no calendario social da entidade. O encontro tivo lugar no Restaurante Asturias, en Ferreira, onde os socios compartiron mesa e tradición nun ambiente de compañeirismo.
A xornada arrancou no bar O Colorado, punto de reunión habitual da asociación, onde os asistentes desfrutaron dun aperitivo e dun brinde previo ao xantar. Foi o preámbulo dunha comida que volveu ter como protagonista o cocido, preparado con produtos de tempada e de orixe local, seguindo a esencia da cociña máis auténtica do país.
Xa no restaurante, o ambiente foi de fraternidade e celebración. A sobremesa prolongouse entre conversas distendidas, recordos de edicións anteriores e propostas para futuras actividades. Non en van, a entidade achegarase o próximo ano ao seu 35 aniversario, unha traxectoria que avala o seu compromiso coa promoción da gastronomía tradicional.
Desde a asociación aproveitaron a ocasión para reivindicar, unha vez máis, o valor dos pratos típicos elaborados con materias primas da contorna, así como a importancia de apoiar os establecementos hostaleiros do municipio e da comarca.
OUTRAS ACTIVIDADES
Coa chegada da primavera, o 9 de maio, o Hotel Vila do Val, tamén en Ferreira, acollerá o VII Xantar da Primavera, unha cita que recupera o espírito das reunións arredor da mesa para celebrar as colleitas da tempada e reforzar os vínculos sociais, evocando costumes herdadas das xeracións anteriores.
Xa no verán, o 22 de agosto, está prevista a celebración da XXXIII Asemblea Xeral da Asociación, aínda pendente de confirmar o local. Trátase do encontro anual de maior participación, no que se fará balance da actividade desenvolvida e se definirán as liñas de traballo futuras do colectivo.
O calendario pecharase o 7 de novembro co XXI Xantar da Caza, que coincidirá co segundo encontro coa Sociedade Gastronómica Lucense. Esta comida temática estará dedicada aos pratos tradicionais de caza, preparados a lume lento e seguindo receitas clásicas, e servirá para devolver a visita realizada polos socios lucenses a comezos de ano.