Os Cabaleiros da Bidueira convocan en Cervo a súa II carreira ecuestre o 12 de xullo

O municipio de Cervo acollerá o vindeiro sábado 12 de xullo a segunda edición das carreiras organizadas pola asociación Cabaleiros da Bidueira, un evento que consolida esta iniciativa como unha referencia dentro do calendario ecuestre da Mariña lucense.
A iniciativa, organizada pola asociación Cabaleiros da Bidueira en colaboración co Concello de Cervo, nace co obxectivo de recuperar e poñer en valor a cultura ecuestre da Mariña lucense, fomentando á vez o respecto polo medio e os valores de compañeirismo entre os participantes.
A cita está aberta tanto a xinetes como ao público xeral, e ofrecerá unha xornada de marcado carácter familiar e festivo. O evento arrancará ás 9:45 horas coas medicións e dará paso, a partir das 10:30, ás primeiras carreiras nas categorías de chapeada, serrada e sub 16. Pola tarde, ás 16:00, continuará a competición cos segundos pases.
As persoas interesadas en participar teñen de prazo ata o 9 de xullo para inscribirse, e poden facelo contactando cos organizadores Adrián (657 25 64 08) e Óscar (677 53 92 85).
Establécense diferentes categorías e premios que inclúen trofeos e ata 200 euros en metálico para os primeiros clasificados. Ademais, entregarase un trofeo especial á persoa que consiga bater o récord da pista, fixado en 29,76 segundos.
A organización lembra que todas as categorías contarán cun mínimo de catro participantes para poder levarse a cabo, e que será obrigatorio o uso de casco regulamentario. Tamén se esixe documentación completa dos animais, así como o cumprimento estrito das normas de comportamento e seguridade.
Con esta segunda edición, os Cabaleiros da Bidueira buscan consolidar este evento como unha cita anual que combine deporte, tradición e convivencia nun entorno natural privilexiado.n.