Os barreirenses de Mar e Monte camiñarán polo Puxigo e polo Mar Grande
A asociación Mar e Monte de Barreiros organiza cada sábado unha ruta de sendeirismo na que coñecen as principais paisaxes da Mariña e ás convidan a sumarse a todo o que queira. As vindeiras visitas terán por obxectivo desfrutar do Puxigo e do Mar Grande.
Os barreirenses xa comezaron camiñando este mes de setembro polo Porto Bragán, o pasado día 7, e antes percorreron a contorna do Mar Pequeno, na ría do Masma, en Barreiros, o día 1.
O día 21 marcharán cara ao río Puxigo. De feito está na segunda ruta do Camiño Norte cara a Santiago de Compostela. Parte de Vilamartín Pequeno e cruza o río para subir a Vilamartín Grande onde se atopa a capela do Carmen. Continúa cara un alto dende o cal se divisa o val de Cabarcos. Descende cara a San Xusto de Cabarcos, cruza o río Puxigo e pasa por unha igrexa que serve de final de etapa.
O día 28, estes camiñantes convidan a acompañalos na súa ruta polo Mar Grande de Barreiros.
Adoitan saír ás 10 horas do café bar Moderno de Barreiros, en San Cosme e xúntanse para comer no mesmo lugar os que queren aboando 12 euros polo completo menú. Para máis información, os interesados poden poñerse en contacto no mail barreirosmaremonte@gmai.com.