Os bancos de alimentos recibirán conservas de produtos do mar no marco do programa Conserva o importante

AMariñaXa
A Xunta e o Parlamento de Galicia colaboran para subministrar conservas de produtos do mar aos bancos de alimentos
latas conservas
19 Dec 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, asinaron co presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, un convenio de colaboración entre ambas institucións para a distribución de conservas de produtos do mar a persoas en situación de vulnerabilidade a través dos bancos de alimentos no marco do programa Conserva o importante. Ao acto tamén asistiu a delegada territorial da Xunta, Marta Fernández-Tapias. 

Mediante esta colaboración -á que a Xunta destina 40.000 euros e o Parlamento de Galicia 20.000 euros- articúlase un réxime de concesión de axudas aos bancos de alimentos, que se encargarán de repartir as conservas de produtos do mar. Deste xeito, búscase abastecer durante estas datas con conservas de peixes e mariscos a estas entidades de carácter social e sen ánimo de lucro. Para esta tarefa cóntase coa axuda da Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Peixes, Anfaco-Cecopesca, no marco da colaboración anual que mantén coa Consellería do Mar. 

Galicia busca con esta acción subministrar conservas de peixes e mariscos ás persoas vulnerables, tendo en conta que estes produtos proporcionan numerosos beneficios nutricionais á dieta, non requiren de refrixeración e teñen unha data de consumo preferente moi ampla. 

A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou que este convenio combina dúas das características que mellor definen á sociedade galega como son a súa vinculación co mar e a solidariedade dos seus habitantes. Neste sentido, puxo en valor o traballo dos Bancos de Alimentos, que permite achegar produtos de primeira necesidade a todas aquelas familias en situación de vulnerabilidade. 

De feito, o Banco de Alimentos Rías Altas, da Coruña, resultou gañador na segunda edición dos premios Galicia Acción Voluntaria, que se deron a coñecer esta semana e que concede a Consellería de Política Social. Estes galardóns están dirixidos a aquelas entidades, persoas individuais ou proxectos que teñan destacado ao longo do ano pola súa xenerosidade e axuda aos demais.  

Pola súa banda, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, definiu esta colaboración como “un logro sumamente importante que é froito do compromiso da industria pesqueira con Galicia”. Nesta liña, destacou que a solidariedade e a xenerosidade son dúas virtudes consubstanciais ao mundo do mar. 

Un sector, engadiu, que estivo á altura das demandas da sociedade nos momentos máis complicados da covid-19 e que “mesmo chegou a liderar a reactivación económica, achegando boas cifras á economía galega”. Ademais, a titular de Mar agradeceu a colaboración de Anfaco-Cecopesca e o seu labor dentro do programa de protección social Conserva o importante.

0.16039299964905