Os Aturuxeiros de Ourol, a unión veciñal
Por Ana Somoza López.
A Asociación Cultural Recreativa Deportiva Aturuxeiros de Bravos de Ourol adícase dende o 2014 á divulgación e á posta en valor patrimonial e cultural que posúe a parroquia de Bravos e o Concello de Ourol.
“A andaina desta asociación comezou dous anos antes cos rapaces do pobo”, comenta Mari Carmen, a presidenta actual, que o que querían era dinamizar a parroquia co seu mundo, o musical. Así, Juan e Sabela Ramil e máis amigos da vila déronse conta que Bravos era un sitio moi bonito para facer un festival de música, e falando cos amigos que tiñan grupos comezaron coa organización do primeiro festival Aturuxo.
Nun primeiro momento foron axudados polos amigos e o segundo ano pola asociación de veciños Irmáns Vilar Ponte de Bravos, e despois decidíronse a formar a súa propia asociación para poder seguir con este mundo. A continuación, fundouse este novo colectivo no que quedaron Juan e Sabela como presidente e vicepresidenta, respectivamente. Foi esa a semente da asociación.
O primeiro Festival do Aturuxo foi no ano 2012 e se finalmente este ano pode celebrarse, será a súa IX edición. Tamén este ano decidiron celebralo a finais de xullo aínda que non sempre foi así porque os primeiros catro festivais foron en setembro, pero como o tempo nesa data non acompañaba decidiron mudalo a finais de xullo, pero para a súa realización dependen da data de celebración do Santiago, que é a festa parroquial.
Durante estas dúas xornadas de festa o Concello de Ourol convértese nun pequeno epicentro da música, dos sons e das tradicións galegas. Ademais, “todos os participantes poden compartir a cea popular, foliada libre, acampada gratuíta, xogos populares e moita diversión”, relata a presidenta.
Outra parte importante da asociacion é a dinamización da parroquia e que o rural non morra, “é a finalidade principal da asociacion”, di Mari Carmen. “O principal é facer todos os meses como mínimo algunha actividade”, e entre elas foi reabrir o local social para que a xente tivera un lugar de reunión para charlar, botar unha partida, tomar un chocolate ou simplemente verse e estar xuntos unhas horas.
Contan con actividades fixas pero calquera socio pode promover iniciativas sempre que sexan viables, por exemplo a realización e colaboración da Xuntanza Clásicos Ourol, da que algúns socios son membros.
“Todos os meses queremos facer polo menos unha actividade”, di Mari Carmen, “en xaneiro facemos o bingo de Nadal, en febreiro algunha festa e actividade, en marzo soe ser algún concurso como o de sobremesas, de tortillas, etc, a finais de abril faise o peche do local cunha festa as veces cun concerto ou simplemente con música para ambientar ademais dun sorteo”, comenta Mari.
De maio a agosto é a tempada baixa e a asociación adícase á organización do festival, en setembro faise unha mini festa de apertura, en outubro actividades como as saídas ao río Bravos cos nenos e desfrutar do aire libre, en novembro e decembro hai pequenas festas como halloween, magosto, etc, asegurando que “nesta parroquia o importante é xuntarse”.
Tamén fan outro tipo de actividades ou cursos de diferentes duracións, e o que está funcionando moi ben é o de cestaría, que vai de outubro a abril. Houbo tamén exposicións de pintura, representacións teatrais, firmas de libros, maratóns de tute, xornadas sobre abellas, concursos variados como o das Letras Galegas e moitas outras.
O ano pasado fixeron a terceira edición da malla tradicional que veu acompañada dunha primeira ruta cabalar, ademais da festa da esfollada do millo coa que tratan de conservar e dar a coñecer esta actividade xa case en desuso no eido rural. “O importante é facer cousas culturais e que nos unan”, relata Mari Carmen.
Aturuxeiros conta con arredor de 100 socios e estes son unha parte importante xa que son os que axudan a orientar e aportar ideas. Por iso o custe é case simbólico, xa que máis que nada “o que se pide é o apoio e o aporte de ideas”, di Mari Carmen.
Desde o 2012 cambiaron moito as cousas e os cargos, aínda que Mari Carmen Seijas é a única directiva que está desde o principio de forma continuada, pero contan que a asociación siga facendo cousas interesantes e que siga enriquecendo o tempo dos veciños.