Os alumnos dos centros de Viveiro celebran os Maios
O Concello de Viveiro organiza, a través da Concellería de Educación, a celebración dos Maios para o estudantado dos centros de ensino de primaria e de infantil. Este venres, día 31, está previsto que o CEIP Santa Rita de Galdo, o CEIP Lois Tobío, o Centro de Ensinanza CPR Landro, o CEIP de Covas e a Escola de Educación Infantil San Roque, uns 530 alumnos aproximadamente xunto cos seus profesores, participen nun encontro na Praza Maior para celebrar unha tradición de Viveiro como é a dos Maios.
Haberá un desfile que sairá da praza, indo pola rúa Margarita Pardo de Cela, subindo pola avenida de Cervantes, seguindo pola rúa dos Irmáns Vilar Ponte e baixando por Teodoro de Quirós de novo cara a praza. Unha vez de novo na praza, cada grupo de cada colexio fará a súa homenaxe ao mes de maio, seguida dunha merenda para a rapazada. Ás 13.00 horas volverán aos seus centros de ensino.
“Dende o Concello estamos moi agradecidos pola colaboración de todos os centros de ensino, incluíndo a do Colexio de Celeiro, que non poden acudir este ano por ter outras actividades programadas para ese día, pero que son asiduos ás actividades do Concello e da Concellería de Educación”;, sinala o concelleiro Jesús Fernández Fernández.