Os alfombristas de Burela animan a participar na creación floral deste ano
A Asociación Burela Floral informou que xa conta con tema para a creación da alfombra das festas patronais deste ano, que serán a primeira fin de semana de xuño.
Esta alfombra, que xa se atopa na fase de creación de plantillas, "reflexará á multiculturalidade do pobo de Burela, xa que aquí convivimos mais de 40 nacionalidades", di Martín Lestao, presidente da asociación, quen engadiu que constará de 5 tramos e cada un deles leva unha media de 10 debuxos diferentes.
Este ano é unha edicion especial pois a alfombra cumpre 30 anos. "30 anos da alfombra que coñecemos hoxe en día, xa que anteriormente facíase en diferentes lugares do recorrido da procesión", engade Lestao.
Tamén anunciaron que o 8 de maio comezarán a facer o picado do verde nos tramos habituais da igrexa, Toxeiro e do porto; e o día 15 de maio abrirase a carpa da praza do Concello e no lugar das Amas de Casa tamén para facer este labor", polo que anima á veciñanza a unirse a esta tarefa pois" sempre fai falla unha man".
Ademais para recadar fondos para a elaboración da alfombra, organizan un cóctel o sábado 6 de maio, ás 22.00 horas no hotel Nordés, que estará amenizado por DJ Chente.
As entradas poderán retirarse ata o día 3 no propio hotel e o prezo é de 30 euros, dos cales 5 son de donativo para a alfombra.