Os alcaldes de Foz e Alfoz afean ao PP a "escenificación sobre a estrada entre San Acisclo e a Seara"
“O Partido Popular de novo xoga a reclamar o que xa está en marcha, tratando de enganar aos veciños. Vimos de sufrir de novo unha escenificación máis do Partido Popular de Foz e do seu candidato o sr. Castiñeira, desta volta co estado da estrada LU-P-0210 entre San Acisclo e A Seara”. Indica o alcalde de Foz e candidato Fran Cajoto.
A estrada provincial LU-P-0210, que une San Acisclo e a Seara, é un vial de conexión fundamental entre os concellos de Foz e Alfoz. A comezos do ano 2022 executáronse pola empresa Transformaciones Agrarias Isidro Hermanos Blanco Trigo, S.L. cun orzamento de máis de 110 mil euros as obras de ampliación e acondicionamento da vía entre os puntos quilométricos 5,1 e 5,3, nos que se expropiaron os terreos necesarios, se ampliou a plataforma existente e se construíron beirarrúas e un novo alumeado público. Nese proxecto construtivo non se contemplaba a mellora de firme dos primeiros 355 metros, tramo que está próximo a adxudicarse.
Para os 355 metros pendentes de arranxo, o pasado 9 de abril redactouse un proxecto construtivo por importe de 37024,34 euros en execución material. Con número de expediente 2023/CM2_04/000206 e con fondos xa consignados, este mércores 3 de maio asinouse a proposta de contratación pola Deputación de Lugo.
“O PP de Alfoz e o seu candidato Juanjo Fraga reclaman o arranxo da estrada cando saben que xa se vai levar a cabo, tal e como lles respostamos no pleno. Este é o nivel, baixo cero. Curioso, por non dicir outra cousa”- destaca o alcalde de Alfoz e candidato polo PSdeG-PSOE Jorge Val.