Os alcaldes de Barreiros, Burela e Cervo participarán no Foro Económico sobre Alcoa

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
A segunda charla-coloquio do Foro Económico da Mariña celebrarase este xoves, 3 de outubro, na Casa da Cultura de San Cibrao.
1 1
3 Out 2019

A segunda charla-coloquio do Foro Económico da Mariña celebrarase este xoves, 3 de outubro, na Casa da Cultura de San Cibrao. A temática xirará arredor da situación da factoría de Alcoa e, baixo o título de Alcoa na Mariña. Ameaza ou oportunidade, intervirán o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, o alcalde de Burela, Alfredo Llano, e a alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida. Esta mesa de análise será moderada pola xornalista Carmen Cruzado. 

O secretario do Foro Económico da Mariña, Adrián Piñón, manifesta que “agora mesmo, ante as ameazas que hai sobre a factoría de  Alcoa-San Cibrao, quixemos dende o Foro darlle un altavoz a toda a comarca, a través de diferentes alcaldes, para que poidan expoñer cales son as iniciativas que se están levando a cabo dende as institucións co fin de evitar o peche da factoría que xera máis de mil empregos directos na comarca. Por outra banda, si  isto chegara a ocorrer, cousa que ninguén quere, qué propostas se están facendo dende as administracións para mitigar os seus efectos”.

Piñón salienta que “a factoría de Alcoa-San Cibrao representa máis do 33% do Produto Interior Bruto de toda a provincia de Lugo concentrada na nosa comarca, e miles de postos de emprego tanto directos como indirectos. A verdade é que non hai moita  alternativa na actualidade para recolocar a toda esa masa de traballadores que actualmente dependen da planta”.

O secretario do Foro Económico da Mariña explica que “dende o Foro quixemos darlle a maior transversalidade posible ao debate, e contar con alcaldes da zona de todos os partidos políticos que teñen representación na nosa comarca. Para elo contaremos co alcalde de Cervo, onde se sitúa a factoría, Alfonso Villares do Partido Popular; coa alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, do Bloque Nacionalista Galego; e co alcalde de Burela, Alfredo Llano, do PSOE; para que expresen as diferentes opinións, os diferentes programas e as diferentes iniciativas que teñen os principais partidos políticos na comarca e en Galicia”.

Adrián Piñón lembra que “a entrada é libre, pode vir todo o mundo que queira e que estea interesado no tema. Creo que é unha cuestión que nos afecta a todos os veciños e veciñas da comarca, e incluso da provincia. Quen queira preguntar, quen queira escoitar e quen queira debater ten as portas abertas sempre do Foro Económico da Mariña”.

0.13780903816223