Os alcaldes da Mariña piden o apoio veciñal na manifestación convocada pola Plataforma Sanitaria
Os alcaldes da Mariña están a enviar mensaxes de apoio á manifestación convocada pola Plataforma Sanitaria da Mariña, animando aos veciños da comarca a que acudan a este acto reivindicativo que, baixo o lema Contra o desmantelamento da sanidade pública sairá ás 20 horas do Hospital da Mariña e despois de percorrer as principais da localidade, rematará na Praza do Concello, onde se dará lectura a un manifestó.
Estas mensaxes de apoio que se envían desde os Gobernos municipais da comarca en formato de videos que se publican nas redes sociais comenzaron a chegar no día de onte. As e os rexedores municipais advirten da importancia da recuperación da Área Sanitaria eliminada no ano 2018 e que supuxo a recentralización dos servizos na macroárea de Lugo, onde se construiu un xigantesco hospital que sería quen de absorber as derivacións “in crescendo” que chegan desde as antigas áreas da Mariña e Monforte.
"A supresión da área sanitaria forma parte da estratexia do goberno da Xunta para ir baleirando de contido os centros sanitarios máis periféricos e rurais e capitalizar a asistencia sanitaria nas ciudades á vez que se aumenta o desvío de fondos para a sanidade privada", din dende o colectivo mariñao. Tamén advirten da situación de emerxencia que está a vivir a Atención Primaria da Mariña, "con máis do 50% dos médicos de familia ausentes por falta de substitucións, centros de saúde sen ningún/ha facultativo e a escandalosa situación que está a vivir a pediatría de Atención Primaria, sen profesionais para atender ás crianzas e cuxas familias vense na obriga de acudir ao servizo de urxencias ou a pediatras privados, se é que teñen medios económicos", din dende a Plataforma.