Os accesos á praia de San Bartolo, en Barreiros, seguirán pechados por seguridade

AMariñaXa
“O Concello de Barreiros ten a obriga de garantir a seguridade nos espazos públicos e, a día de hoxe, coa situación existente, o único xeito de garantila é manter as zonas perigosas", di a rexedora
acceso_praia_de_san_bartolo
21 Ago 2024

A rexedora de Barreiros, Ana Ermida, explicou que o Goberno municipal leva tempo mantendo conversas coa Delegación Provincial de Costas para estudar as posibles actuacións en base á evolución da costa que, como é evidente, está a sufrir unha regresión natural que obriga a actuar con responsabilidade e seriedade. “Acontece na praia de San Bartolo, en Altar e todo ao largo da costa da Mariña cando menos”, asegurou.

A respecto da solicitude do Partido Popular para reabrir os accesos ao San Bartolo, manifestou que “están tentando avivar un debate que debe ser serio e profundo e que non pode moverse por intereses partidarios, senón públicos.” “O responsable neste momento é manter os accesos pechados e impedir o acceso físico das persoas a onde existe perigo. Pretender substituír esas accións por un artigo modificado na ordenanza de praias é demagóxico, temerario e irresponsable, pensando que por poder evitar responsabilidades xurídicas se está facendo o obrigado.”

Ana Ermida foi tallante neste aspecto: “O Concello de Barreiros ten a obriga de garantir a seguridade nos espazos públicos e, a día de hoxe, coa situación existente, o único xeito de garantila é manter as zonas perigosas pechadas ao paso.” A rexedora tamén manifestou que se realizarán “as actuacións que sexan posibles, pero non podemos pensar que determinadas actuacións que se fixeron nun momento son perennes e van permanecer impasibles e estáticas á evolución natural da costa.”

Ermida referiuse tamén ás manifestacións do portavoz popular nas que asegura que “minte” cando pon en boca da alcaldesa a afirmación de que o problema non é importante. O que se manifestou no pleno foi que a moción presentada non cumpría cos requisitos para incorporala de urxencia á orde do día, xa que non era unha cuestión que fora ter solución inmediata e, ademais, xa foi debatida en pleno e impulsouse unha comisión con todos os grupos políticos que se xuntará despois do verán, cando a carga de traballo o permite. A rexedora anunciou tamén que esa comisión terá que facer un traballo exhaustivo de estudo da zona e dos accesos en xeral ao areal, revisando mesmo actos que permitiu o propio goberno do que formaba parte o actual portavoz da oposición e que daquela supuxeron un grave prexuízo para a veciñanza en xeral.

0.20309710502625