Os '12 Pescados Capitais' protagonizan o calendario da OPP Burela en 2025

AMariñaXa
A Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela adica cada mes a unha especie da súa lonxa
OPP7_2025_7403
24 Dec 2024

A Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela presentou oficialmente o seu calendario para 2025 na Casa de Galicia en Madrid. Nesta nova edición, o calendario continuará dedicado aos '12 Pescados Capitais' de Burela, destacando cada mes unha das especies representativas da súa lonxa.

As especies seleccionadas pola OPP-7 Porto de Burela inclúen a tintorera, a bertorella, a cabala, o xurel, a cabra de altura (gallineta), a sardiña, o bonito do norte, a pescada do pincho, a castañeta vermella, o peixe espada, o mero e o ollomol. Cada unha delas representa as distintas pesqueirías das frotas do porto, como o palangre demersal, o palangre de superficie, o curricán e as frotas de cerco ou arrastre.

O calendario destaca tamén as especies das que ABSA é primeira lonxa de Galicia, como a pescada do pincho, o bonito do norte ou a gallineta, ademais doutras especies como o salmonete de pedra e o sable negro. Para 2025, editaranse preto de 4.000 exemplares que se distribuirán entre os socios da OPP Burela e ABSA, así como en mercados clave como Madrid e Barcelona, a través de entidades como FEDEPESCA e o Gremio de Peixeiros de Barcelona.

Desde 2020, o calendario da OPP-7 Porto de Burela inclúe mensaxes promocionais para fomentar o consumo de peixe e destacar os seus beneficios para a saúde. Este ano, baixo o título dos '12 Pescados Capitais', a iniciativa seguirá sendo cofinanciada pola Xunta de Galicia e o FEMPA, promovendo a trazabilidade dos produtos pesqueiros e o acceso a información clara e completa para os consumidores.

0.17188286781311