Órrea celebra as festas na honra a Santa Comba e San Antonio

A parroquia de Órrea, no concello de Riotorto, celebrará os días 1, 2 e 3 de agosto as súas tradicionais festas na honra a Santa Comba e San Antonio cun completo programa de actividades que combina gastronomía, relixiosidade e verbena.
As festas comezarán o venres 1 de agosto cunha churrascada popular a partir das 22:00 horas no campo da festa, dando paso a unha animada noite de encontro veciñal. Esta estará amenizada por Adolfo Valiño e terá un prezo de 25 euros. Hoxe, luns, é o último día para retirar os tíckets na Taberna de Montse.
O sábado 2 de agosto celebrarase a misa e procesión a partir das 13:00 horas. Ao remate terá lugar o pregón a cargo de Montse Castiñeira Pol, propietaria da coñecida Taberna Montse. A continuación, a sesión vermú estará amenizada pola orquestra Cabaret. Xa pola noite, a verbena continuará coa mesma formación musical acompañada do dúo E-Pok, prometendo unha noite de festa e baile para todos os públicos.
O domingo 3 de agosto terá lugar a misa solemne e a procesión ás 13:30 horas, seguida da sesión vermú, nesta ocasión a cargo do dúo Tropical, que poñerá o punto final a tres días de celebración.