Organízase un xantar de confraternización e un paseo guiado pola fraga de Santo Estevo
A Fundación Eira da Xoana (ADEGA), Mariña Patrimonio e a Irmandade Santo Estevo convocan a todas as persoas que fixeron unha achega económica para a compra da parcela de Santo Estevo, así como a todas aquelas que queiran unirse a esta celebración, para participar nun xantar de confraternización e un paseo guiado pola fraga de Santo Estevo.
O obxectivo deste evento é celebrar este importante logro e amosar o espazo que estamos a preservar e recuperar, grazas á xenerosidade de todas as persoas que colaboraron nesta iniciativa.
O xantar, no que cada participante levará a súa comida, será unha oportunidade para compartir e gozar dun ambiente de compañeirismo e celebración en Santo Estevo do Ermo, o 27 de xullo arredor das 14.00 horas.
Ademais, a partir das 17.00 horas iniciarase un paseo pola fraga de Santo Estevo para coñecer este singular espazo natural e arqueolóxico.
Para facilitar a organización, as persoas que queiran participar neste evento deben confirmar a súa asistencia enviando un correo a fundacion@eiradaxoana.gal antes do 24 de xullo.