Organizan un curso para mariscadores en Celeiro

AMariñaXa
Convocado un curso de marisqueo que se desenvolverá na Aula de Formación Pesqueira de Celeiro e probas libres para obter titulacións.
mariscar
11 Mar 2021

A Consellería do Mar convocou un curso de marisqueo que se desenvolverá na Aula de Formación Pesqueira de Celeiro (Viveiro) así como probas libres para obter a titulación de mariñeiro pescador, patrón local de pesca e patrón costeiro polivalente. Tamén están fixadas as probas para obter as titulacións que habilitan para o goberno das embarcacións de lecer e motos náuticas.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou a importancia das “accións formativas dirixidas a cualificar a homes e mulleres para que poidan atopar o seu futuro laboral na pesca, un sector no que existe demanda de traballadores sen cubrir”.

O curso para obter o certificado de mariscadora ou mariscador celebrarase entre os días 6 e 21 de abril en horario de tarde (das 16:30 ás 20:00 horas). As persoas interesadas en inscribirse poden facelo na Xefatura Territorial da Consellería do Mar en Celeiro (teléfonos 982 555 037 e 982 555 038) ata final deste mes ou ata esgotar as 20 prazas que se ofertan.

Os exames ordinarios teórico-prácticos de carácter libre para mariñeiros pescadores, patrón local de pesca e patrón costeiro polivalente desenvolveranse no Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo, na Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol, e na Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira, entre os días 26 de abril e 4 de maio. A matrícula pode formalizarse ata o vindeiro 15 de marzo.

Os temarios oficiais dos exames son os recollidos na Orde do 31 de xullo de 2014, pola que se establecen as bases e se regula o procedemento para obtención destas titulacións (DOG número 156, do 19/08/2014, e DOG número 161, do 26/08/2014).

Nas mesmas sedes terán lugar as probas para o manexo de embarcacións de recreo. Haberá dúas convocatorias para realizar os exames teóricos e prácticos para a obtención das titulacións que habilitan para o goberno das embarcacións de lecer e motos náuticas. Entre o 5 e o 16 de abril poden matricularse os que queiran examinarse en maio -entre o 10 e o 13-, e do 12 ao 23 de xullo os que prefiran facer as probas en setembro -do 6 ao 10-. Os detalles poden consultarse no DOG do pasado 4 de marzo.

Por último, a Consellería habilitou o mesmo día tres convocatorias para presentarse aos exames extraordinarios teóricos para a obtención das titulacións que habilitan para o goberno das embarcacións de lecer. Ata o 16 de marzo está aberto o primeiro prazo de matrícula, para realizar as probas entre o 12 e o 15 de abril. A segunda convocatoria abrirase o 31 de maio ata o 11 de xuño, para examinarse entre os días 5 e 7 de xullo. A terceira e última convocatoria será a finais de ano; o prazo de matrícula estará aberto entre o 25 de outubro e o 8 de novembro e os exames serán entre o 29 dese mes e o 2 de decembro.

0.1721019744873