Organizan formacións sobre apicultura en Xove, Muras e Pantón

TerraChaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
A área de Rural, Mar e Mocidade da Vicepresidencia da Deputación de Lugo continúa a desenvolver o programa de formación en apicultura
curso_apicultura_o_valadouro_deputación
1 Xul 2024

A área de Rural, Mar e Mocidade da Vicepresidencia da Deputación de Lugo continúa a desenvolver o programa de formación en apicultura, destinado a ampliar e actualizar os coñecementos de apicultores e apicultoras e espertar o interese pola apicultura entre as persoas máis novas, promovendo a súa iniciación na actividade.

Trátase dunha iniciativa que inclúe cursos nos concellos de Vilalba, O Valadouro, Xove, Pantón, Muras, Mondoñedo e Cervo nos meses de xuño, xullo agosto e setembro e que conta coa colaboración da Casa do Mel de Goente, que se encargará de impartir a formación.

O programa inclúe tres tipos de cursos: de iniciación á apicultura (4 días) no que se abordarán cuestións básicas sobre a bioloxía do enxame, a saúde dos abellas ou a colleita e comercialización de mel e outros produtos derivados; de selección e cría de raíñas de abella autóctona (6 días); e de manexo para evitar a morte por velutina das abellas autóctonas (2 días), no que se exporán métodos preventivos para protexer as colmeas desta especie invasora.

Os cursos teñen unha parte teórica e outra práctica, que se desenvolverá en colmeas de particulares. As persoas interesadas en asistir teñen que anotarse no enderezo electrónico casadomel@vodafone.es ou no teléfono 661 003 616. En Xove será sobre Cría de raíñas con abella autóctona os días 6,7, 16, 18 e 19 de xullo na Casa da Cultura. En Ferreira de Pantón tratará sobre formas de manexo na colmea para a loita contra a velutina e será o 13 de xullo na Comunidade de Montes de Ferroedo.

En Muras haberá dous cursos. Por unha banda realizarán un de iniciación á apicultura que terá lugar os días 20, 21, 27 e 28 de xullo, de 9.00 a 14.00 horas. Impartirase no Local Municipal de Carelle. Ademais, realizarán outro de cría de raíñas con abella autóctona. Este será o 3, 4, 13, 15 e 16 de agosto, co mesmo horario e tamén en Carelle.

0.13558912277222